Xoves. 28.03.2024
A proximidade das lapas ós núcleos de poboación, causou danos materiais en Mandín. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
A proximidade das lapas ós núcleos de poboación, causou danos materiais en Mandín. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Máis dunha semana é o tempo que se estivo loitando contra os lumes no sur da comarca. Onte pola noite, Medio Rural confirmou que o único incendio que se mantiña, o de Rabal e Mandín, se logrou extinguir con 1.931,08 hectáreas queimadas entre os concellos de Oímbra, Verín e Vilardevós.

 

En total, desde o 17 de xullo arderon 3.220 hectáreas no sur da comarca entre os tres incendios que se rexistraron procedentes de Portugal. O que se extinguiu onte á noite foi o máis devastador, poñendo ós núcleos de Rabal, Mandín e Feces de Cima en serio perigo polo avance das lapas.

 

Na xornada do domingo extinguíronse os outros dous lumes que seguían activos na comarca. O de Videferre, en Oímbra, calcinou 919 hectáreas, 843 de monte raso e 76 de masa arbórea, segundo as medicións finais de Medio Rural. No caso de San Cibrao, no mesmo concello, a superficie afectada foi de 370 hectáreas.

 

Coa última extinción de onte, a comarca pecha esta de vaga de lumes que segue afectando a outras partes da provincia como Vilariño de Conso ou Valdeorras. Na primeira, o incendio que chegou a afectar ó Parque Natural do Invernadeiro, foi estabilizado onte pola tarde con 6.500 hectáreas provisionais queimadas. No caso do lume valdeorrés, controlouse tamén este luns con 10.500 hectáreas calcinadas.

NOTICIAS VERÍN | Os tres lumes da comarca, xa extinguidos, queimaron 3.220 hectáreas