domingo. 19.07.2026
O Concello de Verín busca garantir a seguridade do público e dos profesionais nos festexos

NOTICIAS VERÍN | O Plan de Autoprotección para o Entroido contará con dispositivos de seguridade cada día

20250214 Reunion_Plan Autoproteccion Entroido 2025
A base da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín acollía a reunión de coordinación do Entroido 2025.

A base da Agrupación de Voluntarios Protección Civil de Verín acollía a reunión de coordinación do Entroido 2025, un encontro clave para garantir o bo desenvolvemento dunha das celebracións máis emblemáticas da vila. Como cada ano, o Concello de Verín elaborou un Plan de Autoprotección específico para o Entroido, que establece a coordinación entre os distintos equipos de emerxencia e define os protocolos de actuación en caso de incidencia. 

Este plan busca garantir a seguridade do público e dos profesionais implicados no desenvolvemento das actividades, asegurando unha resposta efectiva ante calquera eventualidade. Refórzanse os equipos de emerxencia neste Entroido, chegando aos 50 efectivos na noite de Comadres, e colaborarán as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Verín, A Gudiña, A Coruña e Ferrol, a Policía Local de Verín, Garda Civil, Garda Civil de Tráfico, a Axencia Galega de Emerxencias e a Empresa Ambulancias Sil.

 

Co fin de que a veciñanza poda ter toda a información dispoñible e saiba como actuar se houbese calquer incidente, no tríptico do Entroido incluíronse consellos de seguridade a seguir no caso dunha emerxencia, así como o plano coas vías de evacuación da praza García Barbón e das zonas de aparcamento libre gratuíto. Ademais, na praza García Barbón haberá carteis informativos cas súas vías de evacuación. 

Dispositivos de seguridade día a día

Para a elaboración deste Plan de Autoprotección para o Entroido, o Concello de Verín tivo en conta as características das diferentes actividades programadas, os lugares nos que se desenvolven e as características da festa e do público asistente.

  • Domingo de Corredoiro: cortarase o tráfico rodado na N-525, dende Avenida de Castela ata o cruce da rúa Alameda, na rúa Alameda e na praza da Alameda. Haberá equipos de Protección Civil e unha ambulancia para dar cobertura ao desfile e ás prazas García Barbón e Alameda.
  • Desfile Infantil: o tráfico rodado do centro da vila estará controlado e regulado en todo momento, por parte da Policía Local, para evitar que vehículos de grandes dimensións e/ou de mercadorías perigosas queden atrapados no transcurso do desfile. Contarase coa presenza de voluntarios e voluntarias de protección civil e unha ambulancia.
  • Xoves de Comadres: ao redor de 50 efectivos velarán pola seguridade do evento, coordinados dende o Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias que estará situado na praza García Barbón e que conta cun equipo de videograbación de seguridade. Haberá un posto sanitario medicalizado, situado na rúa Lisa, e dúas ambulancias.
  • Venres de Compadreo: efectivos da Policía Local e voluntarias e voluntarios de Protección Civil acompañarán ós centos de persoas que percorrerán as rúas da vila xunto cos carros do compadreo. Contarase tamén coa presenza dunha ambulancia.
  • Sábado de Entroido: realizarase un preventivo no que se contará cun posto sanitario na rúa Lisa e unha ambulancia.
  • Desfiles do domingo e martes de Entroido: o dispositivo é similar a anos anteriores. O horario de corte de tráfico rodado nas Avenidas Luís Espada e Castela será: o domingo a partir das 11:00 horas e o martes a partir das 16:00 horas. Ambos desfiles contarán co servizo de ambulancia. Aquelas carrozas que non queiran chegar ata ó final do percorrido na praza da Alameda poderán deixar o desfile a través da ponte da N-525 que comunica co barrio de San Lázaro, co fin de evitar o colapso de rúas que serven de entrada a vehículos de emerxencia á zona do desfile. 

Dende o ano 2013, a área de Seguridade Cidadá do Concello de Verín vén traballando na planificación e optimización das medidas de seguridade en grandes eventos, co obxectivo de que tanto  veciñanza como visitantes poidan gozar da festa con todas as garantías.

NOTICIAS VERÍN | O Plan de Autoprotección para o Entroido contará con dispositivos de...