O Festival Internacional de Curtas de Verín Vía XIV xa está na conta atrás para celebrar a súa séptima edición do 30 de agosto ó 4 de setembro. Hoxe, Carlos Montero, director do evento, presentou o festival acompañado do alcalde de Verín, Gerardo Seoane; da concelleira de Cultura, Emilia Somoza; e da deputada provincial Patricia Torres, e convidou ó público a mergullarse de cheo na programación que estará chea de actividades paralelas.
Montero recoñeceu que o FIC Vía XIV evoluciona cara un modelo de festival mais participativo, cun maior número de actividades para todos os públicos e cunha selección oficial de curtas a concurso máis reducida e concentrada en catro días. “Serán 18 curtas, encadradas en tres categorias -Horizontes, A Raia e Nova- dunha altísima calidade, procedentes dunha ducia de países”, sinalou.
Ás colaboracións públicas, como son o Concello, a Deputación e a Eurocidade, súmanse este ano máis empresas privadas que queren participar activamente no FIC. Montero destacou as participacións de Dentalnova e Roombo que son reflexo da importancia que adquiriu o festival nestes sete anos, pese a que no 2020 e no 2021 "se centraron na supervivencia" do evento por culpa da pandemia.
A relevancia do FIC ao longo destes últimos seis anos serviu como "un verdadeiro catalizador do talento local da comarca", como destacou Montero. O festival permitiu que moitos creadores encontrasen nel "unha plataforma que visibilice a importante canteira de profesionais locais relacionados co ámbito audiovisual”. Neste sentido, contarán cun exemplo de toda esa calidade que será a verinesa Esther Estévez, cabeza visible do "Dígocho eu" que presentará a gala do FIC.
Na rolda de prensa desta mañá, o alcalde sostivo que para o Concello “é unha honra apoiar este evento”, xa que é un "perfecto exemplo de resiliencia cultural” que segue a medrar pese ás dificultades: “É un verdadeiro orgullo para Verín”, manifestou. Por outra banda, Somoza recordou o momento no que se lle presentou a idea de levar a cabo un evento deste tipo no concello. "Verín estaba pechada como unha ostra á cultura e este festival abriulle a porta ó mundo para chegar ata a vila", resaltou a concelleira. Torres sumouse aos parabéns á organización do festival e recoñeceu a "aposta clara pola cultura" que se fai en Verín con este evento, que é importancia tamén para a comarca e toda a provincia.
ACTIVIDADES
O 30 de agosto será a inauguración do FIC na Praza García Barbón, tralo acto que daró inicio ó evento coa proxección do filme The Cameraman, de Buster Keaton, que terá musicalización en directo co trío Casperverk.
Raquel Queizás tamén participará nesta edición cunha actividade dirixida ós máis cativos, aos que lles descubrirá o mundo do cine ó facelos entrar en contacto con figuras como Mabel Normand, Collen Moore, Charles Chaplin, Buster Keaton ou os Irmáns Marx. Os días 1 e 2 de setembro, os nenos terán a actividade "Sopa Cómica" na que poderán votar pola súa curta favorita despois dunha sesión de cine infantil que terá lugar no Auditorio de Verín que fará por grupos de idade de 2 a 7 anos e de 8 a 12.
Ademais, o FIC porá de novo o foco nun dos seus piares fundamentais: o Entroido. Por un lado, proxectarase unha sesión de curtametraxes cuxo fío condutor será o Entroido dende unha visión de orixe e posta en común das diferentes tradicións ao redor do mundo. A sesión finalizará cunha curta filmada a comezos do século pasado en Laza. Doutra banda, representarase a performance Carrilano KaoS de Álvaro Rúa con Gaita en Dó con técnicas estendidas, na que colaborarán o Fulión de Mormentelos e Kotodama Teatro.
O Galician Freaky Film Festival será o Festival Convidado polo FIC este ano. Trátase da cita definitiva do cinema e a cultura freak. Un festival que amosa unha coidada selección de pezas audiovisuais que moitas veces se ven privadas das canles habituais de distribución. Pezas moitas veces inéditas en Galicia, con estreas nacionais, internacionais e mundiais. Por isto, este ano o Festival Internacional de Curtas de Verín quere render homenaxe a este evento único traendo ata a vila do Támega algunhas das súas proxeccións máis singulares e ao seu director, Juan de Castro, para participar nun coloquio co público.
No marco da axenda de actividades paralelas do FIC Vía XIV, proxectarase un documental de aproximadamente 25 minutos de duración dirixido e guionizado hai máis de tres décadas polo xornalista e historiador galego Manolo Torrente. Trátase de Mauthausen, regreso ao campo da morte, que conta a historia de dous galegos que conseguiron saír con vida do horror daquel campo de concentración: Enrique Doval, natural de Lugo, e Xaquín Balboa, procedente de Estevesiños (localidade próxima a Verín).
Por último, ao longo de toda a semana o Espazo Roombo, habilitado en colaboración entre a Asociación Cultural Vía XIV e a empresa local Roombo, acollerá no exterior do Auditorio actividades diversas relacionadas coa música, a gastronomía, os encontros profesionais e a espontaneidade cultural.