viernes. 03.05.2024
FEIRA do lazaro doming-12
A cata de viños da DO Monterrei foi unha das actividades organizadas no Lázaro do 2023. | FOTO: Anabel G. Simón.

A Feira do Lázaro celebrarase na vila do Támega durante a fin de semana do 16 e 17 de marzo; coma vén sendo habitual, no Pavillón de Deportes. Dende o pasado 6 de febreiro, o Concello ten aberto o prazo para que se podan anotar aquelas persoas que queren ter un stand nas feiras de alimentación e artesanía.

Se ben o prazo para a inscrición non finalizará ata a próxima semana, o 23 de febreiro, a área de Feiras do Concello de Verín vén de facer un chamamento a todos os expositores de artesanía e alimentación para que participen activamente na organización e desenvolvemento da Feira do Lázaro.

Búscase dende o Concello estimular a Feira do Lázaro e incrementar a asistencia de público. Por iso, convida aos expositores a propor ideas para o espazo de actividades da feira. Trátase de escoitar e de traballar en comunidade para ofertar unha proposta de actividades atractivas para o público.

O convite materializarase o martes, 20 de febreiro, na Sala de Xuntas do Concello de Verín. Ás 20:00 horas abrirá as súas portas para acoller unha reunión na que, dende a área de Feiras do goberno municipal, se agarda unha ampla participación.

NOTICIAS VERÍN | Choiva de ideas para estimular o Lázaro