viernes. 26.04.2024
Lara Da Silva, presidenta de la Denominación de Origen Monterrei. | FOTO: Jainer Barros.
Lara Da Silva, actual presidenta do CRDO Monterrei, durante a Gala da Confraría dos Viños Monterrei. | FOTO: Jainer Barros.

Hai tempo que se viña escoitando o ruxerruxe na vila. Xa na Feira do Viño do pasado vrao a inauguración do evento pareceuse máis a un mitin electoral que a apertura dun acto festivo e promocional. Meses despois, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei organizaba unha gran Gala da Confraría dos viños de Monterrei na que as numerosas intervencións da súa presidenta, Lara da Silva, soaron a despedida. Agora, o CRDO Monterrei está inmerso no proceso electoral que decidirá os membros do Pleno que rexen o seu funcionamento. Existen dúas visións: unha que aposta por seguir na mesma liña, outra que quere cambiar as cousas promovendo a profesionalización do CRDO Monterrei.

Sendo como é a actividade económica máis importante da bisbarra, o que suceda nestas eleccións marcará o devir da Denominación de Orixe e o futuro dun sector xerador de emprego na contorna. Algo que, sen dúbida, atinxe a toda a veciñanza e non só ós 600 viticultores e viticultoras adscritos ó Consello Regulador. Medio Rural marcou o Domingo de Entroido como día para celebrar as votacións; pode que non sexa o máis acaído, pero ía sendo hora porque o retraso acumulado propiciou que o mandato de Lara da Silva se prorrogase un ano e medio máis aló dos catro que marca a lei. A actual presidenta da DO Monterrei fóra elexida en xullo do 2017 e non aparece como membro de ningunha das candidaturas presentadas nestas eleccións.

Agrupadas nos sindicatos agrarios FRUGA, escisión do Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias, brazo agroalimentario da UXT, e ASAGA, reconfiguración do antigo sindicato de dereitas Xóvenes Agricultores, as distintas candidaturas ás eleccións do CRDO Monterrei teñen diferentes visións de como debe traballar o Consello Regulador. Como en todo proceso electoral, as matemáticas definirán que opción de goberno rexerá o funcionamento da DO Monterrei. ASAGA aposta pola continuidade, mentres FRUGA e Unións Agrarias promoven un cambio no Consello Regulador encamiñado á súa profesionalización. Aníbal Blanco Núñez e Manuel Vázquez Losada lideran as candidaturas de FRUGA; Ernesto Rodríguez Zarraquiños e Fernando Boo Paradela as de Unións Agrarias.

Aníbal Blanco, de Tapias Mariñán. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Aníbal Blanco lidera a candidatura de FRUGA no sector produtor. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Falamos con Aníbal Blanco, candidato de FRUGA polo sector dos viticultores: "A evolución da DO non se axustou coa evolución do organigrama do Consello Regulador; a nosa candidatura, e xente que vai noutras candidaturas, temos as mesmas ideas: profesionalizar o Consello Regulador coa contratación dun xerente que, ó cabo dun ano, demostre a súa capacidade para xestionar a Denominación. Con exclusividade e que non estea vinculado a ningunha adega". Diste xeito, a presidencia do CRDO Monterrei sería un cargo con "funcións meramente representativas e sen vinculación a unha adega en concreto", continúa Aníbal.

A profesionalización fará que os presupostos vaian máis acordes ás necesidades da DO Monterrei nun momento no que a Denominación pode dar un salto cuantitativo e "converterse na segunda de Galicia, despois de Rías Baixas", asegura Aníbal Blanco. A nova liña de traballo que queren impulsar pasa pola implementación de novas medidas no Consello Regulador: abrir os Plenos ós viticultores e adegueiros "que podan participar, sen voz nin voto, e podan saber o que se fai"ampliar o territorio que ampara a DO Monterrei para dar cabida a moitas zonas que están en desuso. Unha das iniciativas máis salientables é a de "iniciar os trámites para que se poda facer espumante e viño rosado dentro da denominación; é algo que demanda o público"

As votacións permitirán escoller os 7 membros que conforman o Pleno do Consello Regulador. E non é sinxelo o seu funcionamento. O Pleno divídese en sectores: o produtor, ó que lle corresponden tres vogais, o industrial, con dous vogais para adegas cunha produción maior de 30.000 litros e un vogal para as que elaboran menos, e o cooperativo, ó que lle corresponde un vogal. Unha vez nomeados os membros do Pleno, deberán decidir que persoa ostentará a presidencia do CRDO Monterrei que, curiosamente, non ten por que estar nas candidaturas. Así que, todo pode pasar.

Quen é quen nas candidaturas

O vogal do sector cooperativo será para Terras do Cigarrón, única candidatura por ser a única cooperativa; se ben é certo que Martín Códax se presenta como suplente. No resto de sectores a cousa é distinta; con varias listas de candidatos presentadas en cada un dos sectores.

No sector produtor, o que acolle a titulares de viñedos, a candidatura de ASAGA está liderada por Gestión Vitivinícola, un grupo de viticultores ligados a Martín Códax, e conta con Empresa servicios agrarios Ribeiro-Monterrey e Antonia Barreira González. FRUGA presenta como candidatos viticultores a: Aníbal Blanco, Elicia Pérez e Esperanza Vilela. Pola súa banda, Unións Agrarias conta con: Viticultura Monterrey, Val dos Remedios e Benito Rodríguez.

Nas listas do sector industrial das adegas cunha produción menor ou igual a 30.000 litros, a candidata por ASAGA é Madrevella e FRUGA presenta a Manuel Vázquez Losada. En canto ás adegas cunha produción maior de 30.000 litros, Unións Agrarias ten como candidatas Abeledos e a Manuel Guerra Justo, mentras ASAGA conta coas adegas Pazo de Valconde e Pazo das Tapias.

NOTICIAS VERÍN | Avecíñanse cambios na presidencia da DO Monterrei?