viernes. 19.04.2024
Imaxe da campaña para a recollida de firmas.
Imaxe da campaña para a recollida de firmas.

A Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Verín continúa coas súa reclamación para que o portugués se incorpore á súa oferta educativa. Para logralo, a Associação de Docentes de Português na Galiza iniciou unha recollida de firmas que xa está preto das 800, aínda que se precisan máis, a través deste enlace.

A iniciativa está impulsada por persoas interesadas en aprender portugués en Verín, que reclaman unha igualdade de condicións coa EOI de Tui, na que si se imparten cursos neste idioma. "Consideramos que a poboción da Eurocidade Chaves-Verín debería ter as mesmas oportunidades que Eurocidade Valença-Tui", sinalan na petición. Tamén recalcan a importancia de organismo da Eurocidade, no que están representados tanto co Concello de Verín como a Cámara Municipal de Chaves para perseguir fins comúns a nivel europeo.

A reclamación de que permitan ensinar portugués non é nova, vén de anos atrás. A principios deste curso, dende o centro facíase un chamamento a través deste xornal para mobilizar á poboación, xa que precisaba máis matriculacións para evitar o seu peche. Quintuplicaron o número de alumnos, pero o portugués segue a ser un curso moi reclamado e esperan poder conseguilo para captar máis alumnado. "A sede da EOI de Verín non está passando por un bo momento e a oferta de portugués daríalle un pulo importante polo interese que suscita o estudo desa lingua", engaden na petición.

 

Esta campaña de recollida de firmas susténtase na proximidade que Verín ten coa fronteira portuguesa, pero tamén no gran número de poboación lusofalante que vive na vila e noutras partes da comarca. "Sabemos que estudar portugués proporcionará á poboación de Verín unha competencia lingüística e cultural fundamental para a mellora das relacións económicas e comerciais a ambos lados da raia", apuntan na petición, onde tamén destacan que o interese por aprender o idioma é cada vez maior na vila.

O obxectivo é conseguir un amplo número de sinaturas para presentalas ante a Consellería de Educación e así lograr ensinos de portugués na EOI. Na petición tamén inclúen a posibilidade de que se estude nos institutos, ofrecéndoa como posibilidade na selección de primeira ou segunda lingua estranxeira.

NOTICIAS VERÍN | Recollen firmas para que a Escola de Idiomas imparta clases de portugués