viernes. 26.04.2024
pediatrasenverínxa- mani 20230211b
A falta de pediatras na comarca une á veciñanza para reivindicar os seus dereitos.

De novo a veciñanza de Verín demostra a súa unión no que á reclamación dos dereitos sanitarios se refire. Unha vez máis, veciñas e veciños encherán as rúas para lembrarlle á Xerencia da Área Sanitaria de Ourense que non está xestionando ben a Sanidade Pública na comarca e que non o van permitir. O colectivo cidadán Pediatras en Verín xa convoca unha manifestación de protesta que se celebrará mañá, sábado 11 de febreiro, a partir das 17h.

Partindo do Centro de Saúde de Verín, lugar de concentración, a manifestación irá cara a Praza García Barbón, pasando polas rúas Deputación, Luis Espada e Lisa. Xa na praza, será lido un manifesto reivindicando a solución dun problema que atinxe a toda a veciñanza e como protesta ante o silencio da administración logo de ter presentadas máis de 3.500 sinaturas esixindo a resolución dista nefasta situación.

Numerosos establecementos comerciais e hostalerios da vila xa anunciaron que pecharán as portas dos seus locais como acto de solidariedade coa causa e para unirse á protesta cidadá. Dende o colectivo "Pediatras en Verín xa" manifestaron o seu agradecemento pola solidariedade mostrada co peche de locais, ó tempo que acusan ó conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, de "mentir" na súa intervención no Parlamento de Galicia respecto á situación da falta de pediatras en Verín.

Nun manifesto publicado nas redes sociais de "Pediatras en Verín xa" podíase ler: "O Conselleiro demostra auténtico descoñecemento da nosa comarca e as nosas necesidades; (...) estanse rindo na nosa cara e a base dunha dialectica retórica pensan que van camuflar a súa incompetencia. CONSELLEIRO! BO INTENTO, PERO NON COLOU!", en resposta ás declaracións feitas polo conselleiro de Sanidade.

Verín volve estar en loita, a veciñanza volve saír á rúa para reivindicar os seus dereitos. Se dende o goberno popular da Xunta de Galicia e dende a Xerencia da Área Sanitaria de Ourense inda non se percataron que Verín non vai quedar calada, mañá poderán escoitar o que temos que dicir. Entre guerras de pancartas e "dimes e diretes" no Parlamento de Galicia, segue sen darse solución ó problema da falta de pediatras na comarca.

NOTICIAS VERÍN | Verín sairá mañá á rúa para exixir máis pediatras e desmontar as...