Martes. 19.03.2024
pediatrasenverínxa- mani 20230211b
A falta de pediatras en Verín provoca a convocatoria dunha manifestación que comezará no Centro de Saúde da vila.

Non podía ser doutro xeito. A sociedade verinesa vén demostrando hai tempo que non vai permitir que o goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia sega xogando coa saúde dos nenos e nenas da bisbarra. Primeiro foi polo peche do paridoiro, agora pola continua falta de pediatras no Centro de Saúde da vila. Por iso, o grupo de nais e pais que veñen desenvolvendo accións reivindicativas no último mes, arroupados por toda a veciñanza, convocan unha manifestación para protestar por unha situación que vén de vello.

Ante o silencio administrativo por parte da Xerencia da Área Sanitaria de Ourense e da propia Consellería de Sanidade, convócase unha nova mobilización para reivindicar o dereito de toda a cidadanía a ter unha Sanidade Pública e de calidade. Niste caso, a ter sanidade e profesionais médicos que atendan á cativada da bisbarra. Por iso, a convocatoria da manifestación o vindeiro 11 de febreiro, sábado, ás 17 horas.

Partindo do Centro de Saúde de Verín, lugar onde comeza a manifestación, a mobilización percorrerá as rúas da vila como protesta polo silencio da administración e esixindo a resolución dista nefasta situación. Dende o ambulatorio irá cara á Praza de García Barbón, pasando polas rúas Deputación, Luis Espada e Lisa. Xa na praza, será lido un manifesto reivindicando a solución dun problema que atinxe a toda a veciñanza.

O movemento de nais e pais xurdido ante a falta de pediatras que atendan ás nenas e ós nenos da contorna veñen realizando numerosas accións dende finais do ano pasado, cando a situación chegou ó límite da paciencia da sociedade verinesa xa que a cativada quedou sen ningún profesional médico para atendelos. Primeiro foi unha concentración na Praza do Concello de Verín para manifestar a súa inquedanza e fartazgo e deixar claro que non ían permitir ista situación e quedar calados; logo unha recollida de sinaturas para solicitar unha solución.

En poucos días, acadaron máis de 3.500 sinaturas de toda a veciñanza; demostrando, unha vez máis, a implicación de toda a poboación ante un problema que afecta a todas as familias. A recollida de sinaturas foi un éxito, co obxectivo de envialas como protesta ante a administración e, tamén, de solicitar que se resolvan os continuos problemas de xestión en canto á falta de pediatras. Non houbo, e segue sen haber, resposta.

Verín volve estar en loita, a veciñanza volve saír á rúa para reivindicar os seus dereitos. Se, dende o goberno popular da Xunta de Galicia e dende a Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, inda non se percataron que Verín non vai quedar calada, o vindeiro 11 de febreiro poderán volver escoitar as protestas dunha cidadanía que non vai permitir que se sega xogando coa saúde dos máis pequenos.

NOTICIAS VERÍN | Verín volverase manifestar en prol da súa cativada