O outono, tempo de sementeira e recoñecemento, é o período elixido pola Deputación de Ourense para honrar a alma do rural. A través do programa “8M, Mes a Mes”, a Área de Igualdade dedicou o mes de outubro á Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (FEMURO), un exemplo de "forza feminina dende o rural ourensán" que se quere resaltar coincidindo co Día da Muller Rural (15 de outubro).
Liderada por Maribel Garrido Blanco, unha das súas fundadoras en 1998, FEMURO naceu da necesidade de crear un espazo de unión e colaboración que fortalecese o tecido asociativo e mellorase as condicións de vida das mulleres. Actualmente, a federación ampara 68 asociacións e traballa en dúas frontes: o acompañamento e asesoramento ás entidades rurais, e o ámbito social, con programas de emprego, conciliación e sensibilización en centros educativos para previr as violencias machistas.
FEMURO, coa súa incansable presenza, converteuse nun "nexo de unión" vital para mulleres de distintas realidades. É un espazo onde atopan apoio e orientación, confirmando a súa identidade máis profunda: "sinónimo de rede, forza e comunidade no rural ourensán".


