domingo. 19.07.2026
O instituto verinés deu a coñecer o seu modelo educativo e os seus proxectos estrela

A IMAXE DE... | O Chivite na Feira Educativa de Ourense

20250403 Feira Educativa Ourense, IES Xesús Taboada Chivite
Martina Dosantos e Celia Feijoo, no centro, e David Regueiro, á dereita, foron tres dos alumnos que estiveron no stand do Chivite explicando as actividades que desenvolve o centro de ensino verinés.

A I Feira Educativa de Ourense, a primeira experiencia de colaboración no ámbito educativo que reuniu nun mesmo espazo a colexios, institutos, centros de FP, universidades e mesmo forzas armadas, foi un éxito. Máis de 3.000 persoas achegáronse ata Expourense, na súa meirande parte estudantes, familias e profesores, para coñecer de primeira man a oferta educativa e o traballo que se fai nas 15 entidades participantes.

E alí estivo presente o IES Xesús Taboada Chivite cun stand propio para dar a coñecer todo o que ofrece o centro de ensino verinés. Baixo o lema "Conectando mentes, impulsando futuros: internacionalización, o programa ChiviTei e a acción educativa transformadora", no stand estivo parte do seu profesorado e do seu alumnado explicando a actividade do instituto en varios eidos: internacionalización, convivencia e inclusión.

Non deixaron pasar a ocasión para explicar polo miúdo algún dos proxectos estrela da acción educativa do Chivite: Titoría Entre Iguais, Educación Responsable e -como non!- os seus musicais. Dende o centro de ensino aseguran que "é unha honra poder dispoñer dun espazo nesta feira xa que somos un dos dous centros de secundaria convidados de fóra da cidade"; unha oportunidade para dar a coñecer o seu modelo educativo.

A feira terá continuidade

Xunta e Deputación de Ourense organizaron unha feira que terá continuidade. O presidente provincial, Luis Menor, explicaba o seu convencemento de que as administracións teñen "a obriga de xerar talento entre as novas xeracións", así como de "reter esas capacidades no noso territorio". Precisamente, debido a ese carácter estratéxico e clave para o futuro, Menor garantiu que esta acción non será puntual, senón que terá continuidade para converterse nun lugar de referencia para estudantado e profesorado.

O acto de clausura da feira estivo presidido polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, acompañado polo vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández.

A IMAXE DE... | O Chivite na Feira Educativa de Ourense