O Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV de Verín recupera a normalidade despois de dúas edicións complexas, marcadas pola pandemia. O evento comezará o próximo 30 de agosto e rematará o 4 de setembro para cumplir sete anos na vila, o que o converte nun referente na axenda cultural dos verineses.
Carlos Montero, director de FIC, recorda o complicadas que foron as edicións de 2020 e 2021, que se sacaron adiante. Só retrasaron a idea do que a organización quería que fose este festival e, neste ano, xa están preto de conseguilo cun evento máis participativo e que se abre a todos os públicos.
Como foi manter vivo o festival nas últimas dúas edicións marcadas pola pandemia?
Foi moi complicado porque non era o festival que nós desexabamos ter. Naceu como un evento de curtas que tiña o obxectivo de converterse nun colector cultural de máis cousas. Nesa liña tiñamos unha programación, similar á deste ano, pero menos potente, para o 2020. Suspendéronse moitas actividades que estaban pensadas para aquel momento e que recuperamos nesta ocasión. Nos últimos dous anos só quixemos manternos, coa premisa de capear o temporal conseguindo programacións pequenas e estables. Superámolo e retomamos o camiño que tiñamos desde o principio para organizar o festival que tivo que ser hai dúas edicións.
Este tempo, permitiu repensar aspectos que non convencían e mudaron?
Se capeas o temporal, sempre saes máis fortalecido. Tivemos tempo para darlle á cabeza e reformular moitas cousas. Podes valorar mellor as que non funcionan, porque cada ano vas aprendendo dos teus erros. Nesta edición, por exemplo, reducimos os días do festival e tamén cambiamos outras cousas na programación.
Este será o FIC máis participativo das súas sete edicións. Que queren conseguir con iso?
Os que traballamos no evento somos todos profesionais do mundo audiovisual, de moitas das súas ramas. A premisa que tivemos cando naceu o festival foi que queriamos promocionar a nosa vila e ser un catalizador para todas esa xente do noso gremio. Traballamos nun sector que é moi difícil amosar o teu traballo e o que podes facer, por iso queremos ser unha ventá para esa xente que empeza. Temos a moitos voluntarios que agora forman parte da directiva ou que están a conseguir moitas cousas a nivel profesional, como pode ser Esther Estévez. Isto non quere decir que o lograsen só polo festival, pero axudámoslles a que teñan unha oportunidade de amosar o seu talento.
É difícil chegar ó público cun festival deste tipo nunha vila?
Sabemos onde estamos, porque isto non é o mesmo que organizar un festival deste tipo en grandes cidades como Madrid, Barcelona ou mesmamente Santiago, nas que xa hai un público. En lugares máis pequenos, como pode ser Verín, tes que facer obras de enxeñería e adaptarte para atraer a todo tipo de público. No rural é verdadeiramente complicado e non tería sentido facelo só de cine, por iso tamén nos queremos abrir a moito máis.
Os sete anos que cumpre o FIC amosan que toda esa obra de enxeñaría non saíu mal.
Eu creo que si, ou polo menos foise adaptando ós tempos. Tivemos de todo e cambiamos cando as cousas non funcionaban ben. Con sete anos ás nosas costas, pode que sexa suficiente para decir que estamos consolidados. Gustará máis ou menos, pero organizamos un evento coherente.
Que expectativas teñen para esta edición?
Queremos ver como funcionan os cambios que engadimos á programación. Nós cremos que a fórmula do colector cultural é a correcta, pero temos que ver como a recibe o público. O festival do 2023 xa o temos case pensado a un 40 ou 50% e a idea que temos é a de seguir nesta liña. O Concello xa nos aporta suficiente, polo que estamos moi agradecidos, e agora queremos gañar músculo no ámbito privado para complementar a parte do festival que non é só cinema.
Cara onde se dirixe o futuro do festival?
Traballamos para que o FIC non sexa só un referente cultural e se converta nun motor económico para a nosa vila. Este é un plantexamento a longo prazo, pero ponse a semente para que o evento poda ser outro atractivo na vila e axude ó comercio ou á hostalaría. Eles saberán que teñen o Entroido como unha boa fonte de ingresos e que no verán o FIC tamén lles será un apoio. Todo isto sería a fin última do evento.