Non hai nin tres meses que a Asociación de Empresarios e Empresarias de Verín (AEVER) abría unha nova páxina na súa historia renovando a súa xunta directiva. Unha etapa marcada polo compromiso dun equipo que decidiu dar un paso adiante para fortalecer o tecido empresarial local. Non se trata só dun cambio de nomes, senón dunha renovación de ilusións encabezada por Esther Gómez na presidencia e por Lucía Aparicio na xerencia. Son o rostro visible e, ambas, coñecen ben o que significa atender un negocio cada día na vila.
A nova xunta directiva de AEVER achega frescura, marcando un claro rumbo cara á modernización e a competitividade do tecido empresarial de Verín. Un equipo profesional e multisectorial que entende que o comercio local non é só economía, é o corazón latexante da vila. Non debería sorprender que sexa maioritariamente feminino, oito mulleres e dous homes, porque, como explicaba Esther Gómez a esta redacción: "Las mujeres representan más de la mitad de las responsables de negocios en la zona y suelen ser mayoría en las reuniones, por lo que no es extraño que también lo sean en la junta directiva".
O obxectivo desta directiva renovada é ambicioso: devolverlle ao comercio local o protagonismo que merece nun mundo cada vez máis dixitalizado, demostrando que os negocios de Verín poden competir en calquera escenario grazas á súa proximidade e calidade. O seu traballo céntrase en que cada veciño, cada veciña e cada visitante sinta que mercar en Verín é unha experiencia que vai moito máis alá dunha transacción. Iso si, sen esquecer a necesaria modernización: tecnolóxica para atopar un espazo propio no comercio online, e na comunicación para chegar a máis público e crear unha nova imaxe de marca.
Neste Entroido... namórate do comercio local
Nestas datas nas que o Entroido e San Valentín se dan a man, nun Verín que destila enerxía única, a mellor proba da vitalidade de AEVER é a campaña que xa enche os escaparates da vila. Diversión entroideira, o romanticismo de febreiro e a dinamización do comercio local nunha atrevida proposta que busca afianzar a clientela cunha estratexia que combina a ilusión de gañar cartos para seguir mercando na casa cun reto emocional sen precedentes: atopar a pedida de man máis viral da comarca.
"Pide matrimonio en Verín", un reto viral
Sen dúbida é a gran novidade presentada por AEVER. Unha aposta emocional que busca converterse en reto viral ofrecendo un premio, en forma de descontos e agasallos, para aquelas parellas que estean pensando en casar. O concurso convida ás parellas a realizar un vídeo coa súa petición de man "especial" e tentar conseguir o maior número de interaccións. A audaz iniciativa xa está a dar que falar, xerando conversas nas rúas e nas redes.
Para participar, as parellas só teñen que gravar un vídeo da súa pedida de matrimonio e envialo a AEVER. A emoción trasladarase ás redes sociais e os seguidores serán os xuíces: o vídeo que obteña máis "gústame" será o gañador. O premio é espectacular: un pack cun total de 30 condicións vantaxosas para a voda que inclúe descontos e agasallos en moda, complementos, detalles únicos, beleza, fotografía ou viaxes, entre outros. Podes consultar aquí as bases.
Sorteo de bonos de compra
Para incentivar que o gasto quede na vila, AEVER tamén activou o sorteo de vales de compra. Esta é unha das campañas habituais no comercio local; participar é tan sinxelo como mercar en calquera dos establecementos asociados entre o 5 e 22 de febreiro e rexistrar os tíckets das compras no formulario oficial.
O día 23 de febreiro sortearanse os tres pasaportes de 50 € cada un para seguir desfrutando da calidade e o trato próximo que o comercio de Verín ofrece. Porque mercar na vila é a mellor forma de dicirlle "quérote" á nosa xente e ao noso futuro.




