sábado 16/10/21
Que facer no seu tempo libre?

AXENDA | Espectáculos, tradición e música, as propostas de lecer para esta fin de semana

Axenda cultural.
Axenda cultural.

Achégase unha nova fin de semana, a penúltima de setembro! Xa acostumados á rutina da 'volta ao cole', traémosvos novas propostas de lecer contra o aburrimento e moi preto de casa. Tomade nota... E a desfrutar!

Venres 17 de setembro:

A sala de exposicións do Concello de Viana do Bolo acolle, nas mañás de mércores a venres, unha exposición do 'Entrudio', unha das festas máis ancestrais da zona con máscaras, comparsas e traxes típicos, ademais dunha selección fotográfica do festexo do ano pasado. Poderá ser contemplada de 11:00h a 14:00h, e pola tarde, con previa cita no correo habilitado para os efectos. A mostra tamén estará dispoñible durante as fins de semana en horario de 19:00h a 21:00h.

Sábado 18 de setembro:

Os actos culturais nesta xornada comezarán ás 11:00h, cun obradoiro de gravación e produción de música tradicional na Reitoral da Chaira, en Riós, impartido por José Gayoso. Neste taller poñeranse en coñecemento diferentes técnicas microfónicas, estratexias de mestura e masterización que, ao remate, serán levadas á práctica polos asistentes.

De maneira simultánea, abre as súas portas a Torre da Homenaxe de Viana do Bolo que, os sábados e domingos, se poderá visitar en horario de 11:00h a 14:00h. Trátase do monumento en torno ao que xira a localidade, datada na Idade Media e declarada Monumento Histórico-Artístico en abril do 1949. Ás 12:00h, dará comezo na Reitoral da Chaira de Riós o segundo dos obradoiros tradicionais, organizados no seo do Xacobeo. Marcos Saburido imparte este taller sobre percusión na música tradicional centrado no tamboril, no que se repasará a afinación e os ritmos tradicionais, entre moitos outros aspectos. 

Pola tarde, quenda da cativada coa xornada de 'xeocaching' ou busca do tesouro, no que os nenos e nenas terán que ir superando diferentes probas para ir avanzando na actividade. O taller será impartido pola asociación Os tres reinos a partir das 16:00h, tamén na Reitoral da Chaira, en Riós. Ao remate, hora da merenda no 'Imos de pincho', en Laza, cunha degustación gastronómica por só 1,50€ e a partir das 19:30h. Os asistentes poderán degustar os diferentes aperitivos dos hostaleiros da zona.

Á mesma hora, ás 19:30h, xornada cómica na Mezquita, coa visita de dous ilustres actores do panorama galego. Luís Iglesia e Marcos Orsi protagonizarán 'Conexión pingüin' para toda familia, unha comedia sobre as comunicacións na praza do Concello do municipio. Unha hora despois, ás 20:30h, dará comezo no Auditorio Municipal a comedia 'Feminissimas', unha obra de Esther Carrodeguas, dirixida por Xavier Castiñeira e interpretada por Steply Llaryora, a propia Esther Carrodeguas e Noelia Blanco; baseada na amizade como fondo e no feminismo como forma.

Fin de festa para este sábado coa actuación teatral da agrupación Tatana Teatro, que permitirá aprender sobre a historia local da zona; e musical de Emilio Rúa, que ofrecerá temas dos seus últimos traballos. Ambas actividades na Reitoral da Chaira de Riós, ás 21:00h e 22:00h respectivamente.

Domingo 19 de setembro:

Para os madrugadores e deportistas, ás 09:30h arranca a andaina popular ao Foxo do Lobo dende Riós. Unha travesía de 17 quilómetros para poder desfrutar dun verdadeiro tesouro: a construción que delata a presenza do gran depredador histórico da zona, o lobo, e a historia de como se lle daba captura.

Mesmo plan en Laza, coa terceira e derradeira etapa do 'Faise camiño ao andar', dentro do programa Xacobeo, cunha travesía pola Vía da Prata que rematará en Vilar de Barrio.  

Ás 11:00h regresamos á Reitoral da Chaira, en Riós, para a presentación do libro 'Crónicas dunha avelaíña', de Lorena Rodríguez. Unha obra de poesía social que recompila historias de persoas anónimas de diferentes países e repasa o tráfico humano, os refuxiados, a guerra... Pero sobre todo o amor e, con maiúscula, os valores humanos. 

Unha hora despois, ás 12:00h, no mesmo lugar terceiro obradoiro, nesta ocasión, sobre a harmonía e os arranxos na música tradicional e moderna. O taller será impartido por Sabela Caamaño e está dirixido a persoas con coñecementos básicos que busquen ampliar aspectos da linguaxe musical e as normas que interveñen na harmonía. O programa 'O teu Xacobeo' despídese en Riós coa actuación musical de Bica, ás 16:30h.

AXENDA | Espectáculos, tradición e música, as propostas de lecer para esta fin de semana
comentarios