O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o conselleiro do Medio Rural, José González, participaron hoxe na presentación da VIII edición das Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia, nas denominacións de orixe Rías Baixas, Ribeiro, Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras. O acto permitiu poñer en valor o investimento de 4,3 millóns de euros que a Xunta está a facer para impulsar o enoturismo e agrupa máis de 15000 viticultores e 400 adegas.
Esta iniciativa presentada permite aos visitantes coñecer 67 adegas, ás que poden gratuítamente e cun guía. Ademáis das catas en establecementos e museos do viño, varios restaurantes de cada unha das zonas ofrecerán dous menús especiais para a ocasión, que inclúen primeiro e segundo prato maridados con viños da Denominación de Orixe correspondente, e sobremesa.
As xornadas desenvolveranse do 7 ao 9 de xuño nas denominacións de orixe Rías Baixas e Ribeiro, e do 14 ao 16 nas de Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras. Para facilitar os desprazamentos, a Xunta porá a disposición o Bus do Viño, que conectará diferentes cidades galegas coas denominacións de orixe.
Román Rodríguez afirmou que as Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños “serán, un ano máis, unha excelente oportunidade para atraer turistas e tamén para que os propios galegos poidamos descubrir paisaxes e comarcas que aínda non coñecemos”.
Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, puxo en valor o viño galego como “principal elemento dinamizador” dos territorios que compoñen as cinco denominacións de orixe vitivinícolas da nosa comunidade. Neste sentido, cualificou as rutas do viño como unha “oportunidade para amosar o orgullo que temos por todas estas denominacións de orixe”.