sábado. 20.04.2024
leader
Os tres representantes de Monteval participaron na II xuntanza do Leader Galicia na Estrada (Pontevedra).

O II Encontro Leader Galicia puxo de relevancia o investimento, a innovación e a cooperación que necesita a comunidade para impulsar o rural galego, que conta cunha partida de 84 millóns de euros procedentes do programa Leader 2014-2020 e que suma 175 millóns en total, de 2007 a 2020.

Á cita deste mércores, celebrada na Estrada (Pontevedra), acudiu o conselleiro de Medio Rural, José González, que destacou esta iniciativa como "unha das mellores ferramentas" que posúe a rexión "para facela crecer" e "dinamizar" o  agro galego. Alí estaban os tres representantes do órgano xestor do GDR-9, Asociación Monteval, integrada por todos os municipios da comarca de Monterrei. 

En concreto, o responsable do departamento referiuse aos proxectos destacados que se acollen aos plans Leader 2014-2020 e que están xestionados polos Grupos de Desenvolvemento do Rural (GDR).

Entre eles, subliñou os adicados ás accións de mellora do contorno rural, obras de recuperación e rehabilitación do patrimonio histórico, iniciativas para a posta en marcha de novos recursos turísticos e para a creación ou mellora de áreas recreativas, áreas fluviais e carreiros.

En total son 24 os grupos que impulsan estas medidas e que, a xuízo de González, son "primordiais" para lograr a dinamización destes espazos e "prioritarios" á hora de implantar políticas de desenvolvemento.

ESTRATEXIAS
Ademais, o conselleiro fixo mención ao recente anuncio do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sobre a estratexia do Goberno galego, que se ampara en catro alicerces: Galicia verde, Galicia familiar, Galicia xoven e Galicia innovadora. Catro ideas que "pasan por un rural forte", apunta.

Igualmente, nesta xornada púxose en valor o respaldo prestado desde esta medida a proxectos asociados ao desenvolvemento turístico, que entre 2007 e 2013 levou a cabo 644 iniciativas que posibilitaron a creación de 161 postos de traballo e a consolidación doutros 268, segundo explicou a Administración autonómica nun comunicado.

TRABALLOS

Polo que respecta aos anos 2018 e 2019, calcúlase que preto de 11,5 millóns de euros están suxeitos, directamente, á actividade turística ou de lecer e que, desta forma, consolidaranse máis de 100 postos de traballo e crearán máis de 98 empregos no sector.

 

Monteval, presente no II encontro Leader Galicia na Estrada