sábado. 20.04.2024
Un souto da Mezquita afectado por este novo fungo.

Os traballadores da castaña no sur ourensán, unha das zonas que máis produto recolle, están inmersos en plena tempada alta de colleita, aínda que este ano con preocupación. Esta situación está motivada por unha estrana praga que aínda ningúen pode explicar e que xa afecta aos soutos dende hai arredor de tres semanas.

As follas de ton escuro, os ourizos caídos antes de tempo ou mesmo algúns que non chegan a desenvolverse, son algúns dos síntomas que castiñeiros de lugares como A Mezquita, Viana do Bolo ou A Gudiña están sufrindo e que inflúen negativamente na produción. 

9CC6EC73-61EC-4050-BBE9-070F54B73D31Así locen as follas que posúen a doenza.

Isto, segundo confirma Medio Rural, está debido a un fungo que actualmente están investigando en colaboración co Centro Agroforestal de Riós e o Laboratorio Fitopatolóxico do Areeiro. "Trátase dun novo fungo, non é coñecido, e estamos recollendo mostras para analizalo e coñecer causa e solución", explican dende a consellería.

Nos concellos de máis alta produción, onde supón un ingreso moi importante para as familias, podería desembocar nunha caída significativa das ganancias. De feito, diversos compradores xa estiman o descenso dun 70 por cento da colleita"O que chamou a miña atención é que as follas caeran antes que os ourizos. O proceso natural é a apertura dos ourizos, caída das castañas e seca das follas ben entrado o mes de novembro e está pasando ao revés", conta unha produtora da Mezquita.

Segundo os traballadores, nunca antes viran un fenómeno semellante. "É unha cousa rarísima, están como se xa rematara a época das castañas. As follas adquiren unha cor moi rara, entre amarela e marrón", explican. Queren deixar claro, non obstante, que a enfermidade afecta soamente ás follas, impedindo o crecemento de certa parte do froito, polo que o que si chega a desenvolverse é perfectamente apto e seguro para o consumo.

Castañas superviventes... E centenarias

Que sería de nós cun outono sen castañas? Esta doenza afecta á produción dunha boa cantidade deste rico froito seco pero existen alternativas para non deixar pasar a época sen degustalo. Se non o tes no souto... Achégancho a casa!

Nunha pequena aldea da Mezquita, concretamente en Manzalvos, aínda se conservan soutos con castiñeiros de máis de cen anos, algúns incluso milenarios, que producen diferentes variedades de castaña. "A que máis abunda é a castaña ventura aínda que tamén contamos coa variedade xudía, un froito de considerable tamaño perfecto para a elaboración de postres", explica a propietaria, quen as comercializa na súa tenda en liña baixo a máxima esixencia de calidade.

"Para nós o coidado do froito é o máis importante. En ningún caso lles agregamos produtos químicos", engade, mentres incide na necesidade de cultivalas do xeito máis natural posible. "O único que lles botamos é abono natural procedente das vacas que pastan habitualmente nos soutos", conclúe. 

Cal é cal?

A castaña ventura destaca principalmente pola súa versatilidade, xa que se pode consumir tanto crúa como nalgunha elaboración. Trátase dun froito de tamaño medio, saboroso, doce e de ton marrón caramelo brillante que a fai máis apetecible.

D9788F16-0A70-4E8C-9303-0B1E74808488Na parte de arriba, a variedade ventura, de ton marrón mel; abaixo, a castaña xudía, máis grande e escura.

Mentres, a castaña xudía, máis tardía e escura, entra polos ollos polo seu tamaño -maior que a anterior- e polo gusto pola súa pouca cantidade de azucre. Esa combinación faina perfecta para a elaboración do coñecido doce marrón glacé, debido á súa boa caramelización. É unha variedade máis típica de Portugal que se acabou implantando na zona pola súa cercanía coa Raia.

NOTICIAS VERÍN | Medio Rural estuda o novo fungo que está a reducir nun 70 por cento a...