Venres. 29.03.2024
Acto de presentación das X Xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño de Galicia.
Acto de presentación das X Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia no Castelo de Monterrei.

Baixo o lema 'Volvemos brindar?' foron hoxe presentadas as X Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia nun lugar de ensoño e que será protagonista tamén, con permiso do viño, durante a súa celebración: o Castelo de Monterrei.

Aos pés da fortaleza medieval máis característica da nosa zona, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quixo recordar "o consolidada que está esta celebración, que este ano aumenta en participantes, duración e actividades complementarias". Así pois, serán 89 participantes en total, con 63 adegas, un 30% máis con respecto á ultima edición, 18 hoteis e 8 restaurantes, que se poderán visitar durante cinco fins de semana -fronte ás dúas que viñan sendo habituais-.

Por primeira vez, adicarase unha a cada unha das rutas dos viños de Galicia, comezando polas Rías Baixas e rematando en Monterrei.

A fin de semana de Monterrei

A última fin de semana de outubro, do 29 ao 31, terá lugar a Ruta do Viño de Monterrei na que participarán seis adegas da Denominación de Orixe: Daniel Fernández, Ladairo, Gargalo, Pazos de Valdeconde, Fragas do Lecer e Triay.

A presidenta da Asociación da Ruta do Viño, Lara Da Silva, quixo destacar que estas xornadas van "unir viño, cultura, historia e gastronomía despois dun ano de parón. Tiñamos verdadeiras ganas de recuperar as actividades e a liberdade que nos roubou a Covid, e agora volvemos con máis forza e ganas de traballar", afirmaba, visiblemente emocionada, mentres poñía en valor o "entorno privilexiado" elixido para facer esta presentación.

Unhas xornadas nas que tamén colaborarán os Concellos de Verín, Oímbra e Monterrei e establecementos como Villa de Verín, O retiro do conde ou o Parador de Verín-Monterrei; e que estarán repletas de actividades para todos os públicos: "Túnel do viño, obradoiros do viño de Monterrei e conservas galegas, actividades infantís, visitas á acrópole e ao museo do viño...", enumeraba a presidenta.

Sen esquecer nomear o servizo do Bus do Viño, un dos 38 que estarán dispoñibles en toda a comunidade, e que unirá a nosa comarca con cidades como Vigo, Ourense, A Coruña, Santiago ou Lugo, para "coñecer a nosa verdadeira vida rural", matizou Da Silva.

Ao acto asistiron tamén os presidentes das diferentes Asociacións da Ruta dos Viños, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; e representantes dos concellos da comarca como a rexedora de Oímbra, Ana Villarino; o alcalde de Monterrei, José Luís Suárez, ou o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo; todos reunidos nun evento conducido polo presentador e cómico Rafa Durán.

NOTICIAS VERÍN | Os recursos enoturísticos, culturais e vitivinícolas da comarca, ao...