miércoles. 15.05.2024
20240429 Primavera portas abertas, campaña promocional en Monterrei (1)
Recoñecidos 'influencers' especializados en enogastronomía e viaxes estiveron visitando a comarca.

Turismo de Galicia trouxo esta fin de semana á comarca a súa campaña de promoción da "Primavera de Portas Abertas" nas rutas dos viños que leva realizando nas últimas semanas nas diferentes denominacións de orixe vitivinícolas da man de distintos influencers especializados en enogastronomía. Foi a quenda da D.O.Monterrei.

20240429 Primavera portas abertas, campaña promocional en Monterrei (3)
A Casa do Escudo foi unha das paradas do seu percorrido pola vila de Verín.

Así, esta fin de semana participaron Natalia Alcayde, Petiscos Galegos, Castigada Con Salir e Sara Lúa para os que Turismo de Galicia organizou un programa de visitas a distintas adegas, un paseo por Verín e visita ao Balneario e Manancial de Cabreiroá, á acrópole de Monterrei ou unha visita ao Centro de Interpretación da Castaña, entre outras. Tamén se prevé unha cata con observación astronómica ou unha ruta polos lagares rupestres de Oímbra.

20240429 Primavera portas abertas, campaña promocional en Monterrei (2)
O presidente do CRDO Monterrei, Jonatás Gago, acompañando ao grupo de 'influencers'.

Con esta acción promocional en Monterrei, a próxima fin de semana botará a andar a nova edición da "Primavera de Portas Abertas" nas rutas dos viños con actividades nas que poderá participar o público en xeral. Organizada por Turismo de Galicia en colaboración coas cinco entidades impulsoras das rutas dos viños, esta proposta está consolidándose na oferta turística do primeiro semestre do ano. Participarán máis de 100 establecementos das cinco denominacións de orixe vitivinícolas e están previstas máis de 60 actividades de todo tipo, desde visitas a adegas, catas comentadas, visitas a museos ata rutas monumentais.


A finais de maio

As xornadas de portas abertas celebraranse cinco fins de semana entre maio e xuño, sendo a protagonista de cada fin de semana unha denominación de orixe. En concreto, do 3 ao 5 de maio será na D.O Valdeorras, do 10 ao 12 de maio na de Rías Baixas, do 17 ao 19 de maio na D.O Ribeiro, do 24 ao 26 de maio na Ribeira Sacra e do 31 de maio ao 2 de xuño en Monterrei.

NOTICIAS VERÍN | A D.O. Monterrei protagonizou esta fin de semana a campaña promocional...