sábado. 20.04.2024
190731PRESENTACION FEIRA DEL VINO 2019IMG_6101 CMZ (1)
Lara Da Silva (presidenta da D.O. Monterrei), o alcalde Gerardo Seoane e Emilia Somoza, edila de Cultura do Concello de Verín, co cartel da Feira do Viño.

Un, creo que bo amigo -habería que preguntarllo a el para confirmalo- díxome un día, nunha destas moitas chamadas de asesoramento gratuíto que quen suscribe provocaba, que "a un director dun xornal e ao alcalde, hai que facerlle caso sempre". Pois ben, por se vostedes teñen a ben por a proba a recomendación, velaí, no titular desta lixeira e desenfadada crónica do que foi a presentación da XIV edición da Feira do Viño de Monterrei, a indicación do primeiro edil da capital das terras de Monterrei, Gerardo Seoane: "Prohibido beber cervexa".

De seguro que vostedes, estimados lectores, serán quen de entender á perfección ao rexedor local, que esta mesma mañá compartía acto coa edila de Cultura, Emilia Somoza, e coa presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe de Monterrei, Lara da Silva. E é que resulta evidente que non verán vostedes polas rúas un bando do alcalde nesa liña, pero si é fácilmente entendible que no seu ánimo, como no dos integrantes do Consello, estea o de consolidar a Feira do Viño de Monterrei no "segundo maior evento do ano, logo do Entroido", sinalou Seoane. 

Neste 2019, entre o 9 e o 11 de agosto, as previsións rozan as 30.000 degustacións, o dobre en cinco anos do que anteriores gobernos municipais e xestores do Consello Regulador conseguiron en 10

Os datos das últimas convocatorias así o avalan. No 2014, o balanzo era tan positivo que se deron por excelentes as 15.000 degustacións coas que se pechou a novena edición por aquel entón. No 2018, a cifra superou as 25.000, o que supón un incremento de máis dun 65 por cento nas últimas catro campañas. Neste 2019, entre o 9 e o 11 de agosto, as previsións rozan as 30.000 degustacións, o dobre en cinco anos do que anteriores gobernos municipais e xestores do Consello Regulador conseguiron en 10

Abeledos, Crego e Monaguillo, Fragas do Lecer, Daniel Fernández, Franco Basalo, Gargalo, Ladairo, Tapias Mariñán, Pazo de Valdeconde, Pazo das Tapias, Quinta do Buble, Quinta Soutullo, Terras do Cigarrón, Trasdovento, Triay, Valderello e Vía Arxéntea serán os viños que se poderán probar neste certame enolóxico

Farano posible, de seguro, as bodegas participantes, un tempo que case sempre acompaña e un novidoso acompañamento musical sufragado íntegramente polas arcas municipais. Así, aos viños Abeledos, Crego e Monaguillo, Fragas do Lecer, Daniel Fernández, Franco Basalo, Gargalo, Ladairo, Tapias Mariñán, Pazo de Valdeconde, Pazo das Tapias, Quinta do Buble, Quinta Soutullo, Terras do Cigarrón, Trasdovento, Triay, Valderello e Vía Arxéntea -17 adegas das 26 amparadas pola Denominación de Orixe- poranlle música nada menos que a Banda de Gaitas do Concello de Verín -o día da inauguración e lectura do pregón, o venres día 9 dende as 20,00 horas-; El Consorcio -na praza García Barbón, da media noite do venres ao sábado, xa saben, cos lexendarios exintegrantes de Mocedades, Amaya, Estíbaliz e Iñaki Uranga, Sergio Blanco e Carlos Zubiaga, ou mesmo Remenber Queen, o sábado día 10, dende as 23,30 horas, tamén na praza, consideradas unha das mellores bandas de tributo ó eterno grupo británico no ano no que volveu máis á vida que nunca o seu vocalista Freddie Mercury. 

Xa o domingo, a mistura de música e viño continúa. Ás poucas horas de comezar a nova xornada, En Mala Hora, a iso das 1,30 horas, quitaralle o sono a máis dun. Leilía, presentando o seu novo traballo "CantarElas", porá a nota de cor folk -21,30 horas- para pechar tres días co viño da terra como único e indiscutible -lembren a prohibición do rexedor- protagonista. 

Para os máis despistados do lugar, aínda que os horarios a medida que baixa o viño de seguro que se amplían, só queda anticiparlle os periodos nos que os diferentes postos de cada unha das adegas estarán abertos: o venres, ata a unha da noite xa do sábado; na xornada sabatina, de 11,30 a 14 horas e de 20,00 a 1,00 horas do domingo. No día da clausura, as portas pecharanse ás 23,30 horas.

Viño, ben saben que non ha de faltar, aínda que cinco euros den para outras tantas degustacións. E non dubiden de que, como ben dixo o pregoeiro neste mesmo sitio dixital, Rubén Riós, "Galicia é taberna e non se fala igual co primeiro que co terceiro dos viños". Porque, falando enténdese a xente. 

 

Gerardo Seoane, na presentación da XIV Feira do Viño: "Prohibido beber cervexa"