A vindeira fin de semana do 13 de setembro será a da cervexa na vila de Verín. Hoxe pola mañá, no casa do Concello, presentouse a quinta edición dun certame que se consolida, ademais de pola achega e colaboración institucional, tamén polo esforzo do que foi hai un lustro o seu impulsor, Pablo Casanova, presente tamén no acto público no edificio consistorial.
Non haberá moitas novidades; repítese a fórmula que xa vén funcionando dende que se trasladou á praza Maior de Verín. Serán oito os mestres cerveceiros que ofrecerán o seu produto a dous euros a caña, sempre que se adquira a un, o vaso conmemorativo desta quinta edición. Habéra novamente varios postos de elaboracións artesanais, e existirá a posibilidade de comer no recinto a prezos populares. Entre as viandas que estarán dispoñibles figuran o polbo con cachelos (12 euros), a empanada, que se elaborará na carpa da feira -3 euros a ración- ou mesmo a bandexa de mexilóns ao vapor, a 6 euros cada unha. Tamén un mestre especializado no corte de xamón preparará pratos nos que se combinará o produto do porco celta da firma Coren con queixos selectos.
Manuel Lorenzo, o concelleiro de Transporte, Feiras e Hostelería presente na comparecencia desta mañá, destacou a importancia que o Concello de Verín da a estas iniciativas que “fomentan a artesanía e gastronomía local á vez que activan e dinamizan a vida nas rúas de Verín”. Do mesmo xeito quixo resaltar a labor dos organizadores e agradecer o seu esforzo e implicación con estas actividades.
Non faltará a música tradicional nesta quinta edición. A Banda de Gaitas do Concello de Verín amenizará a xornada inaugural do venres 13 de setembro. Tamén está prevista unha actuación musical para a noite do sábado.
HORARIOS DE APERTURA
Pablo Casanova, o director da Asociación para a Divulgación da Cultura da Cervexa Artesá (Adiccag), sinalou, no momento da presentación, que a inauguración terá lugar o vindeiro venres 13 ás 19,00 horas. A carpa que albergará os diferentes mestres cerveceiros, así como o resto de expositores, permanecerá aberta ata las 00,30 horas. O sábado e o domingo, o recinto estará aberto ao público dende as 11,00 horas e ata as 00,30, no caso da xornada sabatina; e ata as nove da noite, o domingo día 15 de setembro.
Segundo explicou o director de Adiccag, nesta edición da feira estarán presentes os seguintes artesás: Cervezas La Castiza, Celebridade Galega Ecolóxica, Cerveza Monte Rei, Cerveza Internacional Agneta´s, Cerveza Santa Caribe, Hidromel Ambrosía e Cerveza La Verbena.