viernes. 19.04.2024
José González e Rafael Pérez na reunión que mantiveron.
José González e Rafael Pérez, na reunión que mantiveron.

O alcalde da Mezquita, Rafael Pérez, mantivo un encontro co conselleiro de Medio Rural, José González, no que valoraron a posible creación dun polígono agroforestal para o cultivo de cereal. Na reunión tamén estiveron presentes Inés Santé, directoral xeral de Desenvolvemento Rural; e Manuel Rodríguez, director xeral de Defensa do Monte.

A xuntanza de traballo buscou estreitar lazos na colaboración institucional a prol do agro no concello e, en concreto, na recuperación e mobilización das terras a través dos mecanismos que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Pérez trasladoulle ó conselleiro e ó seu equipo o interese dos veciños por aproveitar figuras como os polígonos agroforestais que poñan en valor zonas de concentración parcelaria abandonadas para o cultivo de cereal, tendo en conta as áreas identificadas como preferentes en actuación por parte da Consellería.

Os responsables de Medio Rural aseguráronlle ó rexedor que estudarán a proposta e avaliarán a súa implementación dentro do Plan Monterrei, no que colaboran diferentes administracións e que ten por obxectivo dinamizar o rural da zona suroriental da provincia.

A Xunta estuda crear un polígono agroforestal de cereal na Mezquita