martes. 16.04.2024
As lapas afectaron ó tráfico na Mezquita.
As lapas afectaron ó tráfico na Mezquita.

Mentres os ollos estaban postos en Verín, os veciños da Mezquita tivéronse que armar na tarde de onte para combater as lapas. O lume iniciouse na tarde de onte preto da parroquia do Pereiro e Medio Rural calcula que 150 hectáreas xa arderon neste incendio. Nestes momentos, os efectivos están pendentes da reactivación dalgún foco segundo vaia avanzando o día.

O alcalde, Rafael Pérez, recoñece que se viviron momentos de "auténtico inferno", especialmente na noite ao retirarse os medios aéreos. "Non podes controlar ben o lume e ves que anda preto de catro núcleos, que se aproxima ás vivendas e que non se dan atallado as lapas por ningures", afirma Pérez.

Desde o Concello recoñecen "o valor dos veciños" que en todo momento colaboraron para que o lume non provocase grandes danos materiais. Pérez ataca duramente a "esta lacra do país" que estraga os montes e que están a ser os causantes da maioría dos incedios activos arestora en Galicia, entre os que se inclúen o da Mezquita e o de Verín. Pérez tamén sinala a política da Xunta que "non é acertada, algo falla".

A evolución do lume de Verín dificultou que no inicio do foco da Mezquita houbese efectivos de extinción, que se foron incorporando a medida de que as lapas avanzaban. "Ó principio a xente que había era a xusta, pero logo viñeron máis", explica Pérez.

O avance das lapas chegou incluso a afectar á A-52, concretamente no quilómetro 117, onde cruzaron a vía antes das sete da tarde.

Situación da A-52 ó seu paso pola Mezquita no punto no que onte as lapas cruzaron a vía. | FOTO: DXT.
Situación da A-52 ó seu paso pola Mezquita no punto no que onte as lapas cruzaron a vía. | FOTO: DXT.

 

NOTICIAS VERÍN | A Mezquita vive un "inferno" con 150 hectáreas queimadas