martes. 16.04.2024
Tempo da malla A Mezquita02
Tempo da malla. | FOTO: Concello A Mezquita.

O Concello de A Mezquita quere recuperar a ancestral tradición da malla. En tempos a malla foi máis que un traballo, era unha tarefa que se converteu nun dos encontros máis esperados do ano. Labores do campo que se convertían en festa e nun encontro entre veciños e veciñas.

Por iso, un ano máis, dende o Concello de A Mezquita convocan un encontro no mes de agosto para "facer a malla". Nesta cuarta edición, a festa da malla terá lugar na Aira do Verano. Buscando incentivar a participación de toda a veciñanza na recuperación das tradicións, necesitan voluntariado para recrear a festa da malla.

Celebrarase o sábado 26 de agosto, na mañanciña para non afogar ca calor do verán, e serán necesarias persoas voluntariosas para cada unha das tarefas da malla: feixeiros, palleireiros e persoas que se encarguen de subir á meda e cortar a grañeira, coller o grao, apañar os sacos. Tamén, quen se ocupe da comida e da bebida.

Dende o Concello de A Mezquita avisan: haberá agasallos para quen se decida a colaborar. Ademais, haberá un premio para a aldea que máis colabore. Para participar na festa da malla, é necesario anotarse antes do 1 de agosto a través do teléfono: 988 425 541.

NOTICIAS VERÍN | A Mezquita busca voluntariado "para facer a malla"