
A Xunta de Galicia vén de actualizar os datos epidemiolóxicos de cada un dos concellos galegos e de facer lixeiros axustes nos niveis nos que este venres entrarán os respectivos municipios da comunidade autónoma. Así, A Gudiña permanece no nivel máximo de restricións e o seu veciño concello da Mezquita figura engadido naqueles municipios de nivel dous xunto con Viana do Bolo. O resto das localidades do distrito sanitario de Verín aparecen na listaxe da Xunta de Galicia no nivel mínimo de restricións, o tres.
- Nivel máximo: a hostalería permanecerá pechada, non estarán permitidas as reunións de non conviventes e queda prohibido moverse fóra do concello.
- Segundo nivel: a hostalería abre, só nas terrazas, cun aforo do 50% e ata as 18:00 horas. Permítese a mobilidade entre concellos coa mesma incidencia e as reunións poderán ser de ata catro persoas non conviventes.
- Terceiro nivel: reunións de non conviventes cun máximo de 4 persoas. Abren bares e restaurantes no interior ata o 30% de ocupación, 50% no exterior e coas barras pechadas, ata as 18:00 horas. Permítese a mobilidade entre concellos do mesmo nivel e catro non conviventes poderán facer deporte xuntos, pero con máscara.