domingo. 19.07.2026
Ofrece asistencia directa para a tramitación de axudas e a xustificación de gastos de extinción

O Concello da Mezquita articula a axuda á veciñanza tras os lumes

20250812 Incendio A Mezquita, IFAEsculqueiraAMezquita, lume, a esculqueira (37)
A veciñanza da Mezquita botouse ao monte para traballar a reo na extinción do lume que comezou na Esculqueira o pasado 12 de agosto. | FOTO: Noelia Caseiro.

O Concello da Mezquita está a traballar de maneira escalonada para facilitar a tramitación de axudas aos veciños e veciñas afectados polos incendios do pasado mes de agosto. O Goberno local, tras un primeiro paso para avaliar os danos, está a ofrecer agora asistencia directa para que a veciñanza poida xustificar as perdas e acceder ás subvencións autonómicas. Dende o primeiro momento daquel fatal 12 de agosto, a veciñanza da Mezquita botouse ao monte para traballar a reo na extinción dun incendio que, co paso dos días, chegou a calcinar máis de 13 000 hectáreas.

 

Xa o pasado 20 de agosto comezou a tomar medidas concretas para avaliar os danos. Daquela, puxo a disposición da veciñanza afectada uns impresos nas Oficinas Municipais para que puidesen informar detalladamente das perdas en propiedades e enseres. O obxectivo era recompilar a máxima información para garantir que a veciñanza reciba o apoio necesario para recuperar o perdido. 

Nesta segunda fase, está a traballar na tramitación das axudas habilitadas pola Xunta. Dende hai uns días, o Concello conta cunha persoa dedicada a atender as persoas que presentaran a solicitude coa avaliación dos danos sufridos e asistilas na tramitación das axudas sen que teñan que desprazarse á Gudiña ou a Verín, localidades onde están as oficinas oficias da Xunta.

Gastos por colaborar na extinción de incendios

Tendo en conta a grande colaboración da veciñanza na extinción dos lumes que afectaron ao territorio, o Concello da Mezquita xa solicitou a liña de subvencións habilitada pola Xunta para financiar os gastos extraordinarios causados polos incendios forestais. É dicir, aqueles gastos xurdidos por trabllar na extinción dos lumes, como o gasóleo ou as mangueiras. Inda sen saber se lle será concedida a subvención, o Concello xa está xestionando a documentación que será necesaria: a veciñanza afectada debe entregar as facturas ou tíckets correspondentes xunto cunha declaración responsable. O prazo para presentar esta documentación é ata o vindeiro 19 de setembro.

O Concello da Mezquita articula a axuda á veciñanza tras os lumes