domingo. 19.07.2026
O presidente da Deputación liderou o grupo de parlamentarios do PP na Gudiña

Luis Menor: "Reducir horarios do AVE é unha decisión inxusta, caprichosa e discriminatoria"

Luis Menor -quinto pola dereita-, con deputados no Congreso e no Parlamento galego da súa formación. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Luis Menor -quinto pola dereita-, con deputados no Congreso e no Parlamento galego da súa formación. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

O presidente do Partido Popular de Ourense, Luis Menor, esixe ao Goberno central que rectifique as súas decisións "caprichosas e discriminatorias co interior de Galicia", urxindo ao Ministerio de Transportes que dirixe o socialista Óscar Puente a que deixe sen efecto a supresión de tres servizos ferroviarios con parada na estación da A Gudiña-Porta de Galicia a partir do 9 de xuño. O presidente popular, acompañado por deputados nacionais e autonómicos, senadores, alcaldes e portavoces de PP, sumouse este sábado á concentración convocada na Gudiña polo seu Concello, liderado polo socialista Néstor Ogando Blanco.

"É unha reivindicación xusta e imprescindible” dixo Luis Menor, que ampliou as zonas afectadas non só ás comarcas máis próximas a esta estación -Monterrei, A Limia, Viana, Valdeorras e as zonas portuguesas de Tras-Os-Montes, Chaves e Vila Real-, senón a toda a provincia de Ourense.

Menor afirma que serán belixerantes co plan de desmantelamento do Goberno, nunha estación que "non parou de medrar en usuarios" dende a súa inauguración, en decembro de 2021. Xa pasaron máis de 107.000 viaxeiros por esta terminal, case 40.000 durante 2024.

Ataque ao futuro da provincia

 

Os populares, unidos á veciñanza da zona e aos usuarios afectados por estes recortes que se concentraron este sábado na Gudiña, avisan de que esta decisión do Goberno central "ataca o noso futuro", situación que "non imos permitir dende o PP, estaremos ata o final, ata que se reverta esta inxusta situación".

O presidente da Deputación de Ourense encabezou, co alcalde da Gudiña, a pequena manifestación polo parking da estación. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
O presidente da Deputación de Ourense encabezou, co alcalde da Gudiña, a pequena manifestación polo parking da estación. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Así Luis Menor anunciou que non deixarán de sumarse a toda reivindicación "ata conseguir que este recorte absoluto de dereitos" cese por parte do Goberno de Pedro Sánchez. Unha situación que, engadiu, “é o capricho dun alcalde dunha gran cidade, que quere condenar a todas estas comarcas”, reducindo os tempos de viaxe a costa de eliminar paradas intermedias, por mero criterio de rendibilidade.

Lembrou tamén o presidente provincial que o PP de Ourense xa tomou a iniciativa tan pronto tivo coñecemento das intencións do Goberno central, presentando de inmediato a través dos deputados populares no Congreso varias preguntas nas que esixe a rectificación da medida. Tamén na Deputación o grupo provincial popular presentou unha moción de urxencia sobre este tema, apoiada en comisión por todos os grupos e que se transformará nunha iniciativa conxunta para o pleno deste mes.   

Luis Menor: "Reducir horarios do AVE é unha decisión inxusta, caprichosa e...