A Xunta de Galicia reforzará, a partir do vindeiro luns 22 de xuño, os servizos de autobús que conectan a estación de tren da Gudiña–Porta de Galicia coas comarcas de Valdeorras, Viana e Verín, co obxectivo de mellorar a coordinación cos novos horarios dos servizos ferroviarios de alta velocidade con orixe e destino en Madrid. Así o anunciou o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, durante a súa visita á Estación de autobús do Barco de Valdeorras.
A principal novidade é a creación dunha liña directa entre Verín e A Gudiña, a única destas características operativa na provincia de Ourense xunto coa liña Ourense–Vigo. Este servizo sairá de Verín ás 6:40 horas e chegará á estación ás 7:20, permitindo a conexión co tren das 7:44 con destino a Madrid.
En total, haberá 10 servizos diarios de autobús coordinados cos horarios ferroviarios: tres conectarán con Verín e sete coas comarcas de Valdeorras e Viana. Os axustes responden ao restablecemento do tren de primeira hora da mañá entre A Gudiña e Madrid, un servizo demandado pola veciñanza da zona.
Ao mesmo tempo, axustaranse os horarios dos servizos entre A Gudiña e O Barco de Valdeorras, permitindo o enlace cos trens con saída ás 7:44 e 12:08 horas cara a Madrid. Optimizáronse tamén diversos itinerarios para reducir tempos de viaxe e ofrecer conexións máis directas.
"Unha vez máis, adaptamos os servizos ás necesidades da veciñanza para facilitar a súa accesibilidade e potenciar un modelo de transporte público que contribúa á vertebración territorial da provincia e de Galicia", recalcou Manuel Pardo, quen engadiu que os cambios son resultado da análise do aumento da demanda entre estas comarcas.
Os concellos que se benefician da mellora son Viana do Bolo, O Bolo, Petín, A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, O Barco de Valdeorras e Verín. A información sobre os novos servizos estará dispoñible en bus.gal e nas aplicacións Transporte Público de Galicia e MoBT.
