miércoles. 24.04.2024
322499257_5338476072934244_4730658988459906305_n
Cartaz elaborado por Nás e Raquelandia sobre unha imaxe das Comadres do ano 1995 na Gudiña. | FOTO: Os Torguerios.

A Asociación cultural "Os Torgueiros" da Gudiña quere recuperar a tradición do seu "Entrudio" e, con ise obxectivo, están organizando unha serie de actividades que se celebrarán ó longo do mes de febreiro. Para elo, levan tempo pedindo a colaboración de veciños e veciñas para "ir correr o intrudio". Unha tradición que, ata hai ben pouco, se facía en todas as aldeas do municipio.

É verdade que no Tameirón e en Carracedo se segue facendo a elaboración de mecos e lardeiros, monecos que son a personificación da festa e que eran queimados no martes de Entroido logo de pasealos sobre un burro polas rúas. Na Gudiña chámanlles "Entrudio" e "Entrudia"; inda que, nalgunhas zonas, tamén se coñece como "intrudio". A tradición foise perdendo, pero, agora, queren recuperala coa axuda de tódala veciñanza.

Coa colaboración do Concello de A Gudiña, dende a asociación "Os Torgueiros" teñen preparados diversos eventos para recuperar o "Entrudio". O primeiro deles, o domingo 5 de febreiro, na Casa da Viúva ás 18 horas; unha conferencia do etnógrafo Xosé R. Cruz sobre o "Entrudio" da Gudiña na que explicará como era a tradicional festa na honra de Don Carnal nas terras da Gudiña e poderanse ver imaxes antigas das vellas celebracións.

O seguinte domingo, día 12 de febreiro, estará dedicado á realización dun Obradoiro de Compadres e Comadres, na súa elaboración tradicional, que finalizará cunha chocolatada para todas as persoas que participen. Será tamén na Casa da Viúva, a partir das 16 horas. Non rematan as actividades sen a celebración do sábado de "Entrudio", o 18 de febreiro. Será o día no que se pasee o "intrudio", figura tradicional do Entroido da Gudiña. Correrase o "intrudio" polas rúas para queimar a figura na Praza Maior.

ENTROIDO 2023 | A Gudiña quere recuperar a tradición do seu "Entrudio"