Ecoloxistas en Acción vén de remitir unha batería de escritos ás Consellerías de Economía, Innovación e Empresa e Medio Ambiente así como á Valedora do Pobo, para demandar a caducidade dunha explotación mineira de estaño e volframio, na Gudiña. Este proxecto ubícase nunha zona LIC, no lugar de Pena Maseira, dentro da rede Natura 2000 e a apenas un kilómetro da fronteira portuguesa.
Nun comunicado, lamentan "como as Administracións permitiron que permanecera vixente unha concesión de explotación mineira de estaño e wolframio na Gudiña, á que se lle otorgou a Declaración de Impacto Ambiental favorable en 2014 e autorización mineira en 2015, pero que nunca tivo actividade".
No caso desta mina, estaba previsto que a explotación "extraería 5.000 toneladas anuais en varias cortas a ceo aberto, pero a imposibilidade de trasladar o material en camións ata as instalacións da mina de San Finx en Lousame, por non contar tampouco aquela explotación das autorizacións ambientais necesarias, fixo que a produción fose cero".
Pero a Administración mineira "non só non iniciou os trámites de caducidade, senón que tentou ocultar a falta de actividade mediate informes", sostén Ecoloxistas en Acción, quen insiste en que "a lexislación establece que as concesións mineiras caducarán de non iniciarse os traballos ou por incumprimento dos prazos aprobados nos proxectos, mentres que as Declaracións de Impacto Ambiental perden a súa vixencia aos catro anos".
Por outra banda, o movemento ecoloxista cuestiona á empresa Valoriza, filial coa que a constructora Sacyr canaliza as súas inversións no sector, quen "vendeu a totalidade das súas participacións" a unha "sociedade instrumental alemana creada en Berlín un mes antes para completar a adquisición".
Esta nova empresa, LMBI Vermögensverwaltungs GmbH, está vinculada -din os Ecoloxistas- "á mercantil sueca Eurobattery Minerals AB, cuxa filial galega vén de ser expedientada por realizar sondeos ilegais no que denomina “proxecto Corcel”, outro proxecto de mina a ceo aberto de cobre, níquel e cobalto situado entre Santa Comba e Coristanco.
Por iso, exixen que "se cumpra coa lexislación declarando a caducidade tanto da concesión mineira como da autorización ambiental" ao obxecto de evitar "especular con este dereito mineiro poñendo en risco a integridade de espazos ambientalmente sensibles, como xa o fixo coa Braña da Serra de Castriz".