viernes. 19.04.2024

OBITUARIO | Vicente Fernández Barreira (Charanga "Penas Ceibes")

Un gaiteiro de Berrande lembra a outro de Terroso (Vilardevós), no día do pasamento deste último. Vicente Fernández Barreira, o Vicente de Terroso ou o Vicente das "Penas Ceibes", será soterrado este domingo na aldea que o viu nacer. 

vicente
Diego Lourenzo, tenente de alcalde do Concello de Verín, recibe de Vicente a última gaita que o músico de Terroso fabricou, o pasado 14 de decembro no concerto de Nadal do conservatorio verinense.

Agárrate saxo

 

Moitas persoas non entenden que para un músico o feito de tocar é unha necesidade vital. É algo tan básico coma o respirar, é unha maneira máis de dicir se estás triste ou se estás contento ou se, simplemente, non estás.

O meu primeiro recordo de Vicente é moi antigo, tres ou catro anos tería eu. Un 3 de maio en Berrande, festa de tarde no ''eido do concello''. Unha charanga ameniza os postres e comeza un pequeno baile que fai lucir, máis se cabe, as galas da festa que arrincaba mentres os meus avós se afanaban en pór cafés e copas de ''Soberano''. No medio el co seu saxofón. O Vicente de Terroso e a Charanga das Penas Ceibes. Daquela no meu interior xa se remexía algo ao escoitar música en directo, podería explicalo de mil maneiras pero, en esencia, escoitar aquelo facíame feliz. O vaivén dos valses e dos pasodobles arremuiñando ao redor da charanga mentres Vicente no centro suxeitaba o seu eterno saxofón é un deses recordos felices da nenez que hoxe teño especialmente presente.

Non moito máis tarde un curmán maior comeza a aprender a tocar a gaita con Vicente; porque si, Vicente, aparte de ser un músico excelente, tocaba e construía gaitas. Esa foi primeira gaita que se pousou nas miñas mans, unha gaita construída por Vicente. Ao longo da súa vida ensinou música a centos de persoas, con máis xenerosidade que interés e con máis paciencia ca un santo en máis dalgún caso.  

Nestes tempos nos que a cultura está a pasar por momentos duros e difíciles é máis necesario ca nunca remarcar a importancia de xente coma Vicente. Heroes anónimos na maior parte dos casos que adican a súa vida á noble arte da docencia musical, en moitos casos a cambio de nada.

Marcha unha persoa, na opinión do que escribe, boa e xenerosa. Un músico excelente, deses que tocaron aos dous lados da raia xuntando dous países coa música. Un artesán autodidacta de gaitas.

Sempre considerei que o oficio de músico é moito máis ca tocar un instrumento. É ser quen de levar a alegría ata o mesmo fondo da alma do teu público, e Vicente tiña esa capacidade e esa responsabilidade. A música hoxe está triste porque o saxo de Vicente xa non vai facer que un cativo de 5 anos quede fascinado, e soñe que ao mellor algún día chega a encher estadios coa súa música.

Hoxe hai verbena aló onde estés querido Vicente, e non me cabe a menor dúbida de que xa estás afinado e listo para empezar. Que a terra che sexa leve. D. E. P.


Vicente Fernández será soterrado este domingo en Terroso

Vicente Fernández Barreira finou este 31 de outubro de 2020 aos 67 anos en Terroso (Vilardevós). O músico e artesán autodidacta, moi coñecido e querido no seu concello por, entre outras, percorrer todo o seu territorio coa súa charanga "Penas Ceibes"; será soterrado este domingo 1 de novembro ás 16:15 horas na igrexa parroquial de Terroso. Os seus restos estanse a velar na Funeraria Os Remedios, de Verín.

OBITUARIO | Vicente Fernández Barreira (Charanga "Penas Ceibes")
Comentarios