sábado. 20.04.2024

Arde sobre mollado

Lapas no lume de San Cristovo, no Concello de Monterrei. | FOTO: Noelia Caseiro.
Lapas no lume de San Cristovo, no Concello de Monterrei. | FOTO: Noelia Caseiro.

Hai certos debates que, do manoseados que están, dan ata vergoña allea. Nesta semana pasada sucedéronse unha serie de incendios forestais que afectaron á comarca, o cal conleva sempre unha onda de repulsa, como é evidente. Pero máis alá dos eslógans bonitos e publicacións en redes sociais, a un servidor gustarialle saber a razón real de por que arde.

Considero que un acontecemento de tal magnitude non pode ter unha soa causa, eso faría que a solución fose facilísima. Non. Nestes casos de catástrofe, sempre se xuntan varios factores.

1.- Existe unha relación proporcional entre o número de lumes, e o seu tamaño, co estado de abandono do medio rural. A provincia de Ourense é unha das que máis terreos ''a monte'' ten no Estado, especialmente monte baixo e monte en man común empregado en plantacións de pino cun escaso, por non decir nulo, nivel de mantemento e limpeza. Este factor de abandono só se explica co éxodo demográfico e o envellecemento da poboación que vive no rural. Non hai xente, non hai cultivos, só queda combustible. Eso si, os incendios empezan despois da sega da herba. Relación matemática.

Existe unha relación proporcional entre o número de lumes, e o seu tamaño, co estado de abandono do medio rural

2.- O cachondeo da política forestal da Xunta apostando por as plantacións de pirófitas, árbores que sobreviven a un incendio, como o piñeiro e o eucalipto. A estratexia kamikaze de apostar por este tipo de plantacións só ten o seu orixe no rendemento económico que xera. Ou..., que xeraba, dado que os prezos da tonelada de eucalipto e de madeira de piñeiro baixaron estes meses, e máis que baixarán. Xa antes da Covid-19 se falaba que toda madeira que non estea a 240 km da planta de procesado non era rendible e en Asturias empeza a haber certos problemas xa que ENCE Navia tirou o precio o ano pasado, seguidos por ENCE Pontevedra. E dicir, que parece ser que haberá que regalarlle as árbores para que as quiten da finca. Se non, ao tempo.

3.- Coordinación de medios. Nun incendio, igual que nunha verbena, xúntanse varios actores.

Brigadas municipais: postos designados a dedo e cunha formación e preparación que en moitos casos deixa moito que desexar. Só traballan os meses de risco de incendio.

As BRIFF: Brigadas de reforzo de incendios forestais, ou bombeiros forestais. Estas brigadas desprázanse en helicóptero e son posiblemente o equipo mellor preparado para a extinción, dado que se traballan todo o ano, fórmanse todo o ano e están especializadas en incendios forestais.

As brigadas de Medio Rural. Famosas por estar sempre en precario, son outro eslabón máis na cadea. Estas brigadas xa moven maquinaria pesada sobre o terreo e son bastante eficientes.

O 112, Protección Civil e a Garda Civil. Que serían os encargados, digamos, de coordinar os feitos da extinción. Aparte de medios aéreos e a inestimable axuda dos veciños, co que teñen a man.

A UME. A Unidade Militar de Emerxencias actúa cando se solicita un nivel de alarma determinado.

Sendo sinceiros, no papel así escrito parece que todo ten un xeito e todo funciona, pero non. O certo é que acostuma a ser unha feira a existencia de duplicidades ou triplicidades na cadea de mando. A inexistencia dun mando coordinado fai en moitos dos casos que a situación se desmande e non se sexa quen de seguir unha estratexia común que remate co incendio. Algún de vostedes pode pensar que o lóxico e normal é que sexa a UME quen xestione estas situacións. Eu, particularmente, creo que non, o que considero é que faría falla reforzar os corpos que funcionan e saben traballar coñecendo as particularidades do noso terreno, as BRIFF, xa que a UME debería ser o ultimísimo recurso que habería que chamar. Aparte de que a xestión dos incendios segue a ser competencia autonómica e a UME é unha unidade dependente do Ministerio de Defensa.

A inexistencia dun mando coordinado fai en moitos dos casos que a situación se desmande e non se sexa quen de seguir unha estratexia común que remate co incendio

Os medios aí están, o problema parece ser que é a xestión e a coordinación e a eliminación de duplicidades. Aquí, coma no mundo da empresa, a especialización é fundamental.

4- Os pirómanos. Como acepción, o termo piromanía responde á tendencia patolóxica a provocar incendios. Obviamente, haberá moito pirómano enfermo que realmente disfrute vendo arder todo, mais tamén haberá moito malnacido que sexa movido por un interés máis escuro, e o único que queira é facer dano gratuitamente e inflinxir temor e angustia nos demáis. Psicópatas a grandes rasgos. O grande problema destes é que son moi difíciles de desenmascarar. Citar tamén aos pirómanos de carácter legal, os que recalifican parcelas a golpe de cinsa.

5.- Accidentes metereolóxicos. Son os menos pero son causa de incendio tamén. Caen raios en zonas secas que provocan incendios con certa frecuencia. O ano pasado no parque natural do Invernadoiro todo apunta a que foi un raio.

 Esto sumado a que parece que son pantasmas os que plantan lume porque pouca xente vai presa por piromanía. As investigacións rematan en nada, as penas que se cumpren son irrisorias e a impunidade campa as súas anchas

A combinación destes factores, na miña humilde opinión, é a que fai que os incendios en Galicia teñan a dimensión que teñen. Esto sumado a que parece que son pantasmas os que plantan lume porque pouca xente vai presa por piromanía. As investigacións rematan en nada, as penas que se cumpren son irrisorias e a impunidade campa as súas anchas. E xa para rematar, sinalar algo que é unha obviedade pero que dá para pensar. Apagar lumes é un negocio moi rendible para moitas persoas deste país.

Arde sobre mollado
Comentarios