domingo. 19.07.2026

OPINIÓN | Que está pasando?

20250814 IFAGranxaOímbra, incendio Cualedro, Santa Baia, gasolinera (1)
A veciñanza de Santa Baia de Montes (Cualedro) viviu momentos de terror co lume ameazando as casas. | FOTO: Noelia Caseiro.

Esta vaga de lumes déixanos perplexos a moitos dos que coñecemos o sistema contra incendios galego. Como é posíbel que uns lumes concentrados esencialmente no suleste ourensán, con concellos e lugares de alto risco de incendios e con lumes recorrentes cada verán, case nos mesmos lugares, poidan derivar nunha vaga incontrolada como a que estamos padecendo?

É certo que as condicións meteorolóxicas son adversas, con temperaturas extremas, baixa humidade e algunhas rachas de vento puntuais que non facilitan a extinción. Polo demais, ningunha novidade, as mesmas circunstancias meteorolóxicas de case todos os veráns, que cada vez serán peores, como sabe todo o mundo que se dedica á extinción. Ademais de moito abandono de fincas agrícolas que deixan inzada de matogueira os perímetros das aldeas. Por certo, onde está o Banco de Terras?

Resulta bastante preocupante que a maioría dos lumes se transformen en grandes incendios sen que o dispositivo logre controlar ningún, a pesar de declarar nivel 2 en toda a provincia

Efectivamente, para combater esta complexa situación está a lexislación agroforestal e contra incendios, ademais das propostas (nunca escoitadas) de desenvolvemento rural que, na maioría dos casos, fican en meras declaracións institucionais, mentres as zonas abandonadas e o propio monte se inzan de xestas, acacias e eucaliptos sen orde nin concerto.

O monte non arde por xeración espontánea

En calquera caso, resulta bastante preocupante que a maioría dos lumes se transformen en grandes incendios sen que o dispositivo logre controlar ningún, a pesar de declarar nivel 2 en toda a provincia, con bastantes medios a disposición do SPIF. Por certo, o nivel 2 implica centrarse prioritariamente na defensa das persoas e das propiedades e instalacións públicas e privadas. O problema é que esta medida non serviu de moito e o dispositivo non puido (ou non foi capaz) de atallar os lumes a tempo e agora o sistema está colapsado, cos brigadistas esgotados e sometidos a un forte estrés e cunha fronte incendiaria inabarcábel.

Por outra parte, o monte non arde por xeración espontánea. Por iso, nestas graves circunstancias, cabe preguntármonos se Medio Rural e as forzas de orde pública están facendo o seu traballo para vixiar unha zona relativamente restrinxida como o sueste ourensán, cuns incendios que se repiten case nos mesmos concellos e aldeas cada poucos anos. Deduzo, polos fracos resultados, que non hai vixilancia sistemática e que tampouco se fai o suficiente para facer cumprir en tempo e forma a lei de incendios en canto a devasas e faixas de protección dos núcleos rurais.

Alberte Blanco Casal. | FOTO: Borys Martínez.
Alberte Blanco Casal é escritor, enxeñeiro e profesor xubilado de ensino secundario. Exdirector xeral de Montes na Xunta de Galicia. | FOTO: Borys Martínez.

Aínda máis importante, pregúntome, dende o máximo respecto ao SPIF e á xente que se xoga a vida na defensa do monte, se as recomendacións realizadas pola Comisión de Expertos do Parlamento Galego de hai uns anos se levaron a cabo. É dicir, se os traballos de prevención e de devasa arredor das aldeas se fan cumprir (vemos que non) e se o dispositivo vixía, detecta e acode en tempo e forma cos medios adecuados. Ou se Medio Rural está combatendo o caos territorial e o abandono de fincas agrícolas.

Ou se traballa para implicar (de verdade) a toda sociedade galega do rural na defensa dun monte muntifuncional e se aplica a lexislación no seu conxunto (sobre todo naquela que hai bastante consenso) e se actúa en consecuencia ou o monte e as aldeas de Ourense e de Galiza seguirán estando ameazadas cada ano

Por desgraza, intúo que as respostas a estas últimas cuestións tampouco son positivas, a teor da magnitude da desfeita, con máis de 50 000 hectáreas queimadas nunha semana e con moitas propiedades, animais e vivendas calcinadas. Por exemplo, no monte da miña aldea, con convenio con Medio Rural, non se limparon e adecuaron os cortalumes este ano nin se fixeron labores de diminución de biomasa, a pesar de que este foi un ano especialmente húmido onde a biomasa creceu de forma extraordinaria esta primavera.

Ou se traballa para implicar (de verdade) a toda sociedade galega do rural na defensa dun monte muntifuncional e se aplica a lexislación no seu conxunto (sobre todo naquela que hai bastante consenso) e se actúa en consecuencia ou o monte e as aldeas de Ourense e de Galiza seguirán estando ameazadas cada ano, coas conseguintes perdas ambientais e sociais.

Non vale só con estrear un novo aeroporto para avionetas de carga en terra, como o que temos en Mandín-Feces de Abaixo, (conste que aplaudo a iniciativa, unha das medidas que propuxemos a Comisión de expertos no Parlamento Galego), pero sen o resto das medidas de prevención e desenvolvemento rural non serve de moito, como acabamos de comprobar. Haberá esta vez propósito de emenda? Teño enormes dúbidas.

OPINIÓN | Que está pasando?
Comentarios