domingo. 19.07.2026
Os lumes de Oímbra e A Mezquita arrasan 8000 hectáreas cada un, mentres a loita continúa contra novos focos

Tres días, tres feridos e case 17 000 hectáreas arrasadas | NOTICIAS VERÍN

20250814 IFAEsculqueiraAMezquita, Incendio A Gudiña, O Canizo, tierra quemada (7)
Sen que inda se puidera dar por estabilizado ningún dos lumes, a superficie queimada supera as 16 600 hectáreas. | FOTO: Noelia Caseiro.

A mañá deste venres espertamos con cifras que reflicten a inmensa dor que asola a nosa terra. A situación de emerxencia continúa, a vaga de incendios non dá tregua e as últimas estimacións oficiais elevan a superficie queimada a 16.659 hectáreas. E isto sen contar a superficie afectada na veciña Zamora polo lume da Mezquita, provincia na que tiveron que evacuar varias localidades por mor deste lume. É dicir, en 24 horas duplicouse a superficie arrasada polos lumes.

A loita é incesante e o esforzo dos equipos de extinción, da cidadanía, do voluntariado e do persoal das Forzas e Corpos de Seguridade é a nosa maior esperanza. O traballo incansable de profesionais e o compromiso das veciñas e veciños seguen sendo fundamentais para afrontar esta catástrofe que tamén espertou a solidariedade de moitas persoas.

20250814 IFAGranxaOímbra, incendio Cualedro, Santa Baia, gasolinera (21)
A pesar do esgotamento que padece, o persoal de loita contra incendios non se rende. | FOTO: Noelia Caseiro.

 

O incendio da Mezquita arrasa terras da Gudiña, Viana e Zamora 

Tamén permanece activo e con extrema virulencia o lume que se iniciou o martes en A Mezquita. Este foco, que se espallou cara á Gudiña, Viana e Zamora, xa devorou 8000 hectáreas, sen contabilizar a superficie afectada na provincia de Zamora. O incendio converteuse nun dos grandes pesadelos que asolan a provincia. A imaxe do municipio da Mezquita é desoladora. Na tarde de onte, tres focos activos ao mesmo tempo mantiveron en vilo á veciñanza; ao da Esculqueira sumáronse os do Castelo de Santigoso e Castromil. Mentres, na Gudiña vían con desesperación como era imposible facer fronte a un lume que devorou o monte O Testeiro chegando a terras de Viana, cercou o Centro de Saúde da vila e puxo en perigo o polígono industrial

20250814 IFAEsculqueiraAMezquita, Incendio A Gudiña, monte O Testeiro (4)
O lume que comezara na Mezquita atravesou o monte O Testeiro da Gudiña e alcanzou terras de Viana por un dos seus flancos. | FOTO: Noelia Caseiro.

 

Incendio de Oímbra: 3000 hectáreas máis en 24 horas

O incendio que se iniciou o martes en Oímbra segue activo e converteuse nun dos maiores desafíos da loita contra o lume. Segundo as últimas estimacións, arrasou unha superficie que alcanza as 8000 hectáreas, afectando aos concellos veciños de Cualedro e Monterrei. O lume ameazou a gasolineira de Cualedro, cercou a localidade de Santa Baia de Montes pondo en perigo as vivendas e afectando a varias granxas -unha delas, calcinada-, e provocou o confinamento da veciñanza de Rebordondo. Mentres, en Monterrei houbo varias alertas ao longo da tarde en A Madalena, Vences, Estevesiños, A Pousa e Mixos, con confinamentos intermitentes (a veciñanza da Madalena segue confinada) e a evacuación de sete veciños de Flariz. En Oímbra volveu ser confinada a veciñanza das Casas do Monte. A ferocidade das lapas é tal que nesta madrugada arderon 2000 hectáreas máis.

20250814 IFAGranxaOímbra, incendio Cualedro, Santa Baia, gasolinera (32)
En Cualedro, as lapas achegáronse perigosamente a unha gasolineira que foi salvada grazas ao esforzo conxunto dos equipos de extinción e da veciñanza. | FOTO: Noelia Caseiro.

A última hora da tarde de onte detíñase ao presunto autor deste grande incendio; un varón que estaba realizando labores de desbroce e limpeza cun tractor a pesar de que o índice de risco de incendio estaba no nivel extremo. Este índice ofrece unha aproximación á intensidade do lume que pode producir un incendio. Canto maior sexa o índice, maior intensidade e, polo tanto, máis difícil de extinguir. Esta mañá era posto a disposición xudicial.

Vilardevós: varios focos simultáneos

A loita contra o lume en Vilardevós é tamén complexa; a superficia queimada non é, ata o de agora, a maior, pero o municipio mantén tres focos activos ao mesmo tempo. O lume de Vilardecervos afecta a unhas 500 hectáreas, mentres que o Moialde, un incendio que se reactivou onte, arrasa unhas 100 hectáreas. A estes súmase o foco que apareceu onte a tarde en Fumaces e a Trepa, que queima unhas 50 hectáreas polo de agora, acercouse perigosamente a unha granxa de vacún de Fumaces e chegou a afectar á localidade de Feilas (O Riós). As lapas do lume de Moialde tamén chegaron ata o veciño concello do Riós a media tarde, onde a veciñanza de San Pedro de Pousada viviu momentos de terror. 

20250814 IFFumacesATrepaVilardevós, Incendio Vilardevós, Feilas
Pouco despois das 17h comezaba un novo incendio en Vilardevos, afectando a Fumaces, A Trepa, Feilas e San Pedro de Pousada (O Riós). | FOTO: Noelia Caseiro. 

A información oficial da Consellería do Medio Rural segue chegando a contagotas, que manteñen o ritmo tradicional de ofrecer datos somentes tres veces ao día. Os últimos datos actualizados son das 9:30h da mañá de hoxe e confirman que a situación segue sendo crítica, con cinco incendios activos, pero tamén ofrece un pequeno alivio, xa que algúns lugares que estiveron en perigo nas últimas horas xa non se atopan baixo confinamento.

Tres días, tres feridos e case 17 000 hectáreas arrasadas | NOTICIAS VERÍN