Evento
AXENDA | XXVIII Feira do Pemento en Oímbra
Oímbra xa ten todo preparado para celebrar a XXVIII Feira do Pemento, unha festa gastronómica con historia que ensalza o produto estrela da súa horta. Declarada coma Festa de Interese Turístico Galego, terá lugar o domingo 3 de agosto.
Como vén sendo habitual, ao longo de toda a xornada haberá degustación gratuíta de pementos de Oímbra fritidos, que contan coa distinción de Indicación Xeográfica Protexida.
Un día no que haberá xogos para a cativada, o tradicional xantar en comunidade, as exposicións de coches clásicos e de pratos de cociña elaborados co pemento como ingrediente principal, e actuacións musicais.
A carballeira volverá acoller diversos stands con produtos de artesanía, pementos e maquinaria agrícola. Tamén a Denominación de Orixe Monterrei estará presente na Feira do Pemento, ofrecendo unha degustación de tintos e compartindo protagonismo co pemento no xantar popular.




