sábado 16/10/21
Mañá concéntranse para reivindicar un restablecemento das comunicacións

Os veciños de Terroso reclaman melloras na cobertura móbil: "Levamos un mes sen servizo"

Casa do Concello de Vilardevós.
Casa do Concello de Vilardevós.

Nunha era na que todo se transmite a través das tecnoloxías, custa crer que aínda en zonas do rural teñan que lidiar con problemas na sinal de televisión, internet ou cobertura telefónica. Este último problema atinxe á localidade de Terroso, en Vilardevós, que leva arredor dun mes sen poder facer uso do servizo.

Os veciños xa interpuxeron varias reclamacións ante a compañía e mesmo no Concello para reivindicar as melloras. Parece que o problema reside en continuos fallos nos repetidores situados en Florderrei e Berrande"É vergonzoso que esteamos así, hai veciños que xa puxeron 7 ou 8 reclamacións e non veñen arranxar nada", conta unha veciña. 

Para poder establecer comunicación é necesario un desprazamento, en dirección Portugal, que non están dispostos a realizar. "Teñen que entender que estamos pagando por un servizo que non temos. Por moi preto que estea, non temos que andar buscando cobertura por outros lados. Se seguen así, imos devolver as facturas porque cobrar, cobran", engaden. "Hai moitas cuestións importantes, como citas médicas ou mesmo a vacinación, das que non nos enteramos porque non nos chega a mensaxe", sentencian. 

Dende o grupo de goberno, aseguran ter enviado escritos á compañía ao igual que o fixeron os veciños para solicitar o arranxo. "Éncheselles a boca falando do rural pero despois deixannos sen o máis básico, que son os teléfonos", recalcou o alcalde, Manuel Cardoso. Reclamacións como as que levaron a cabo no ano 2016 e coas que lograron, a comezos do 2017, que a compañía Movistar lles mellorase o servizo das comunicacións.

Pola contra, a oposición considera que o contratempo reside no consistorio. "O Concello non se move demasiado para solucionalo, xa que isto é un problema habitual que arrastramos dende hai moitos anos e non deixa de repetirse. Dame a impresión de que hai unha falta de inversión moi grande e que sería necesario que o Concello subvencionara o servizo", afirma Julio Prada, voceiro do PSdeG-PSOE en Vilardevós.

Cansos da situación, os veciños vanse concentrar no día de mañá para reivindicar o restablecemento do servizo, tal e como fixeran hai uns meses as localidades de A Veiga do Seixo (Riós) e O Seixo (A Gudiña), que sufrían do mesmo problema e que aparentemente teñen solucionado. No acto, segundo lle confirmou a Diario do Támega, vai estar presente o alcalde do municipio, Manuel Cardoso.

Os veciños de Terroso reclaman melloras na cobertura móbil: "Levamos un mes sen servizo"
comentarios