Xoves. 28.03.2024
O tractor municipal para a roza botará a andar de novo o próximo luns.
O tractor municipal para a roza botará a andar de novo o próximo luns.

O PSOE de Vilardevós tivo acceso a acta da proba teórica e valoración final para de contratación do chofer para o tractor que leva a cabo as tarefas de roza no municipio e destacan a súa "sorpresa". A maior puntuación sacouna un traballador que foi despedido no 2021 "de xeito improcedente" despois dunha reclamación xudicial que interpuxo contra o Concello por non telo en conta nun proceso de selección.

A oposición critica que os "caprichos persoais" do alcalde, Manuel Cardoso, provocaron que o tractor-desbrozadora estivese "totalmente parado" pola falta de chofer. O rexedor asegura que "non hai capricho ningún", reafirmándose en que se o fose, "o tractor seguiría parado e non se houbese convococado unha oferta" para cubrir o posto.

Os socialistas recordan que o pasado 11 de abril xa se manifestaron contra a actitude do rexedor, dado que a xustiza deulle a razón ó traballador por un proceso de selección non se lle recoñeceron "os seus méritos, outorgándolle a praza a outra persoa, nun claro exemplo de amaño do concurso”. Julio Prada Hohenstein, portavoz do partido en Vilardevós, lamenta que "se perdese tanto para sacar a concurso novamente a praza e que a persoa elixida sexa a mesma que foi despedida de xeito improcedente, o que demostra que o alcalde errou por completo e causoulle un grave prexuízo á veciñanza e ás arcas municipais”.

Se fose un capricho, o tractor seguiría parado e non houbese convocado unha oferta de emprego" (Manuel Cardoso, alcalde de Vilardevós)

Cardoso explica que nese proceso de selección desbotouse a súa candidatura porque o traballador quería un contrato indefinido. "A nosa corporación non quere traballadores indefinidos se non teñen oposición. Ofrecíamos o posto por certo tempo e non era o que quería, polo tanto nos indemnizámolo e foise", conta. Na denuncia, o xuez deulle a razón ó traballador, pero tamén recoñeceu que non era preciso que o Concello o contratase de forma indefinida.

Agora, o posto saiu novamente a concurso e só dúas persoas se presentaron, sendo este traballador o que sacou a mellor nota ante o tribunal. "Eu non estaba alí para decidir. O tribunal considerou que era o mellor capacitado para o posto, como se houbese sido outra persoa, e empezará o luns cun contrato de seis meses", engade Cardoso.

Prada Hohenstein insiste en que a paralización do servizo no último ano foi un agravio para a veciñanza, porque "se puxo en risco durante todo este tempo o patrimonio do municipio, xa que a falta de limpeza de estradas e camiños é evidente e supón un grave risco en caso dun incendio”.

O chofer do tractor que Vilardevós despediu, volve ao obter a mellor nota para o posto