Xoves. 28.03.2024
Veciños de Terroso, en Vilardevós, concentrados esta mañá. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Veciños de Terroso, en Vilardevós, concentrados esta mañá. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Despois dun mes de reclamacións á compañía telefónica, á OCU e mesmo ao Concello para que solucione o problema, os veciños da localidade de Terroso, en Vilardevós, saíron á rúa para intentar ser escoitados. "Esiximos unha antena nova na Serra das Penas Libres, para que a cobertura alcance a todos. Nós estamos no medio do val e non podemos acceder nin á española nin á portuguesa. Intentas manter unha conversación e resulta imposible", protestan os veciños. Algo que sorprende cando nos contan que, polo contrario, si dispoñen de fibra óptica.

Ante tanta indignación, abraia o testemuño dalgúns deles. Dorita Pereira contaba os esforzos que tivo que facer para que os seus fillos, estudantes de bacharelato e ESO, poideran ter acceso ao material escolar. "Vinme negra porque sempre deu problemas. Nun tempo no que todo, absolutamente todo depende dun teléfono, a situación é vergonzosa. Estou pagando 135 euros ó mes por algo que non teño. Isto de agora porque pasou no verán, pero se chega a ser na metade do curso, que fago?", pregúntase.

Tamén coñecemos a historia de Lorenzo Barreira, que vén á aldea pasar o verán cos seus netos de Barcelona. "Non pedimos, esiximos solucións. Intentamos tirar para o rural cos nosos netos para chegar e non atopar nada dun servizo que si estamos pagando", conta, acompañado dos pequenos. 

E, por outra banda, Dolores Alonso, unha muller que vive soa e non ten maneira de comunicarse coa súa familia. "Levo 15 días sen poder falar coas miñas fillas. Entendo que poida haber problemas unha semana, pero xa levamos un mes. É insostible", afirma.

Acompañando a todos os veciños estivo o alcalde do municipio de Vilardevós, Manuel Cardoso, moi molesto tamén coa situación. "É unha loita de moitos anos. Agardo que nesta semana poidan arranxar os problemas técnicos que hai pero nós o que queremos é unha solución a longo prazo. Pedimos a instalación dunha antena na Serra que nos subministre mellor cobertura. Proximamente, farei un escrito e recollerei as sinaturas de tódolos veciños de Terroso", finaliza.

Terroso, un lugar para vivir con fibra... Pero sen móbil