Os nenos que participan nas actividades do Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas tiveron esta semana unha iniciativa no Centro de Interpretación do Contrabando, en Vilardevós, para celebrar o Día Universal da Infancia. Esta xornada, que se conmemora o vindeiro domingo, rememora a firma da Convención sobre os Dereitos do Neno das Nacións Unidas.
Portas Abertas, en colaboración coa Plataforma de Organizacións de Infancia Galega (POIG), tivo esta actividade baixo o lema "Participamos, porque é o noso dereito!". O obxectivo foi incidir sobre a necesidade dunha lei de infancia e adolescencia galega que garanta, legalmente, o interese superior de cada neno que medra en Galicia.
Outra das reivindicacións ás que se suma Portas Abertas é o dereito á participación infantil, un recurso que permita a integridade da infancia na comunidade. Ademais, outras das importantes reclamacións é a de mellorar a atención dos servizos de saúde mental nos nenos e adolescentes.
Na actividade, os cativos abordaron, traballaron e destacaron a reflexión dunha das participantes do Grupo de Participación Infantil e Adolescente da POIG que sinala: "Vivimos nunha sociedade moi extraña, onde criticamos ás persoas que non son 'normais' pero ao final ninguén pode dicir que sexa 'normal' xa que tódalas persoas somos diferentes".
A xornada que se celebra este domingo rememora unha firma que foi un fito ao establecer os dereitos inalienables de todos os nenos e adolescentes, pero tamén as obrigacións dos poderes públicos e da sociedade en conxunto para garantilos.