miércoles. 24.04.2024
A parcelaria de Soutochao únese á de San Bartolomeu de Berrande.
A parcelaria de Soutochao unirase á de San Bartolomeu de Berrande.

O Consello da Xunta aprobou esta semana o decreto da Consellería de Medio Rural polo que se declara de utilidade pública á concentración parcelaria de Soutochao, en Vilardevós. Este proceso afectará a unha superficie de 621 hectáreas repartidas en 3.285 parcelas que son propiedade de 714 veciños.

Esta declaración lévase a cabo a través da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción. Nesta parroquia de Vilardevós, hai un total de oito explotacións activas, e esta reorganización do territorio permitirá mellorar as condicións estruturais, técnicas e económicas das mesmas.

 

A aprobración desta zona vén acompañada doutras tres máis en Lalín, uníndose ás parcelaria que a Xunta prevé poñer en marcha tamén en novas concentracións parcelarias nos concellos de Abadín, Becerreá, Baños de Molgas, Castroverde, Petín, Rairiz de Veiga, Caldas de Reis, Dozón e Valga. En Vilardevós xa contan cunha zona de concentración parcelaria en Berrande.

Medio Rural emprega a ferramenta das concentracións parcelarias para paliar o minifundismo, dende o punto de vista da estrutura da propiedade. De aí que se investisen nos distintos procesos de concentración máis de 118 millóns de euros desde o ano 2009, e o orzamento previsto para este 2022 é de 12 millóns.

NOTICIAS VERÍN | Declaran como zona de concentración parcelaria a Soutochao, en Vilardevós