sábado. 13.04.2024
Beatriz Comendador amosoulle o libro sobre o Penedo Gordo á veciñanza implicada no proxecto.
Beatriz Comendador amosoulle o libro sobre o Penedo Gordo á veciñanza implicada no proxecto.

A Universidade de Vigo acaba de publicar o libro “O Penedo Gordo. Intervención arqueolóxica nun abrigo con pintura rupestre esquemática da Galicia suroriental”. As súas páxinas recollen os resultados dos estudos realizados no Penedo Gordo ou da Moura, situado no lugar de Feilas da parroquia de Fumances (Vilardevós).

Beatriz Comendador, profesora da Área de Prehistoria da UVigo e investigadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, foi a encargada de coordinar esta publicación sobre un dos catro sitios localizados en Galicia onde se conservan pinturas rupestres. O obxectivo da publicación foi “cubrir un importante baleiro na investigación”.

A publicación recolle a información conseguida desde que, no 2017, dous veciños de Verín e Castrelo do Val localizasen a pintura no Penedo Gordo. Posteriormente, Comendador visitou o lugar e notificou o achado á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta cun informe no que se facía unha primeira valoración do mesmo.

A partir de aí, á UVigo encargóuselle unha sondaxe valorativa da potencialidade arqueolóxica do lugar, que se fixo no 2018. Disto concluiuse que as pinturas correpondíanse co Neolítico Final/Calcolítico e ao Neolítico Medio. “Verificouse a presenza de pintura rupestre de tradición esquemática, deses periodos, pero non se descarta unha cronoloxía anterior, así como a existencia de diversos niveis de ocupación, histórica e prehistórica”, sinálase no libro.

A identificación de dous sitios con pintura rupestre esquemática sobre distintos soportes no val de Monterrei é un fito na histografía de Galicia (Beatriz Comendador, investigadora e coordinadora da publicación)

O Concello de Vilardevós colaborou en todos os traballos, ao igual que a veciñanza de Felias e A Trepa. Cara estes últimos, están moi agradecidos os investigadores porque "facilitaron o noso traballo e déronlle sentido”.

O libro recolle os primeiros traballos arqueolóxicos levados a cabo no Penedo Gordo e na Cova do Gato no Castelo de Lorbazán, tamén na comarca de Monterrei. “A identificación de dous sitios con pintura esquemática holocena sobre distintos soportes no val de Monterrei, supón un fito na historiografía da arte rupestre en Galicia”, destaca Comendador.

A investigadora explica que as traballos realizados no ámbito da conca fluvial do río Támega “están a comezar a encher un baleiro de información, ademais de permitir aproximarse ao fenómeno das primeiras sociedades produtoras”.

Para a elaboración deste libro formouse un equipo de colaboradores de diferentes disciplinas e entidades como as universidades de Coimbra, Santiago ou da propia UVigo e ata do Consello Superior de Investigacións Científicas.

Traballos de investigación no Penedo Gordo.
Traballos de investigación no Penedo Gordo.

NOTICIAS VERÍN | A UVigo publica un libro sobre a investigación no Penedo Gordo