sábado. 20.04.2024
A estrada OU-1006 coas obras paralizadas.
A estrada OU-1006 coas obras paralizadas.

As obras da OU-1006, que une a Vilardevós con Vilarello de Cota, son motivo de queixa para o PSOE municipal e denuncian a súa "parálise, deixadez e abandono". Os socialistas sinalan ao presidente da Deputación, José Manuel Baltar, como un dos culpables de que os traballos leven "tres meses totalmente paralizados, non cumprindo os prazos".

O PSOE de Vilardevós tamén resalta a perigosidade da trala retirada de toda sinalización que impedía a circulación, permitindo o paso por unha estrada "convertida nunha pista de terra, chea de fochancas e pedras".  Ademais, acusan ao alcalde, Manuel Cardoso, de "dar as costas á veciñanza e non mover un só dedo para retomar as obras".

Julio Prada Hohenstein, voceiro municipal do PSOE, resalta que os "incumprimentos" do Partido Popular na optimización desta estrada "veñen de lonxe". O socialista fala do "desleixo" amosado para tratar de rematar as obras e que aos populares "nunca lles interesou a mellora das comuicacións no noso municipio".

O voceiro socialista comenta as "falsas promesas" de Baltar e Cardoso e acúsaos de "mentir descaradamente". A oposición preguntou tanto a nivel municipal como provincial por esta situación, "sen obter respostas concretas" sobre esta paralización.

O Concello e a Deputación non son responsables. É a empresa a que busca unha revisión dos prezos da adxudicación" (Manuel Cardoso, alcalde de Vilardevós)

Por outra banda, Cardoso nega calquera responsabilidade por parte do Concello ou da Deputación. O alcalde sinala que a empresa busca unha revisión dos prezos da adxudicación, que foi a "máis económica e cunha importante rebaixa con respecto á licitación".

A estrada OU-1006 precisa dunha acción "urxente", segundo os socialistas, para rematar co "abandono por completo dunha obra de vital importancia para a mobilidade do municipio". A data límite para rematar as obras é o 27 de xuño, a partir da cal se poderán emprender accións polo seu incumprimento.

Estado da etrada OU-1006 en Vilardevós.
Estado da estrada OU-1006 en Vilardevós.

 

As obras da OU-1006 en Vilardevós cumpren tres meses de "parálise"