lunes. 20.07.2026
A entrada en vigor do Plan CooperOu cuadriplica a capacidade de investimento do Concello

NOTICIAS VERÍN | Vilardevós obtén 300.000 euros da Deputación fronte aos 77.000 que recibía antes

20241004 Plan CooperOu en Vilardevós. Elvira Lama, deputada provincial PSOE Ourense, Eva Pérez Gamote, alcaldesa de Vilardevós, Marina Lovelace, concelleira en Vilardevós e secretaria de socialdemocracia e desenvolvemento provincial na executiva provincial do PSOE, e Marina Vaz, deputada provincial PSOE e coordinadora da bisbarra de Verín
Elvira Lama, deputada provincial polo PSOE, Eva Pérez Gamote, alcaldesa de Vilardevós, Marina Lovelace, concelleira en Vilardevós e secretaria de socialdemocracia e desenvolvemento provincial do PSOE, e Marina Vaz, deputada provincial e coordinadora do PSOE na bisbarra de Verín.

A entrada en vigor do Plan CooperOu, que reparte os fondos da Deputación de Ourense entre os municipios da provincia con criterios obxectivos, supón para o Concello de Vilardevós poder cuadriplicar a súa capacidade de investimento. Antes percibía apenas 77.000 euros anuais da institución provincial; despois das dúas modificacións de crédito que o PSdeG-PSOE negociou co grupo de goberno do PP, vai recibir un total de 303.742 euros anuais

Deputadas do Grupo Provincial Socialista visitaron Vilardevós para avaliar, en compañía da súa alcaldesa, o impacto que supón no municipio a aplicación do plan CooperOu). "Este ano cambiou moito a financiación que provén da Deputación polo traballo do PSdeG-PSOE, sendo capaces as compañeiras e compañeiros de loitar por este Plan que supón unha revolución para a provincia e, por suposto, para o noso concello", apunta Eva Pérez Gamote. Con ela estaban Elvira Lama, Marina Vaz, e Marina Lovelace.

 

Un exemplo deste impacto é Rexosende, onde se están a levar a cabo os traballos de reparación do centro social grazas aos fondos do CooperOu. Pero non é o único, en Soutochao e Vilardevós tamén se están a desenvolver actuacións grazas ás achegas do devandito Plan. "Ao contrario do que pasaba antes, agora repartimos en función do que os veciños van demandando, das urxencias e necesidades que realmente temos", salientaba Eva Pérez. 

Criterios obxectivos no reparto dos fondos

"Sendo una reivindicación socialista de longa data, na que non deixamos de insistir e loitar, por fin neste 2024 a Deputación provincial do PP rendeuse á evidencia de que non podía ser a única das galegas que non tiña un plan de cooperación cos concellos baseado nun reparto de fondos segundo criterios obxectivos", explica a deputada provincial Elvira Lama. 

Tal e como salienta Lama: "Amais da importancia de poder levar a cabo proxectos necesarios para a veciñanza, a implementación do plan único permítenos saber os recursos que lle tocan a cada concello para vindeiros exercicios, podendo planificar o mellor xeito de investir os cartos que chegan da Deputación".

NOTICIAS VERÍN | Vilardevós obtén 300.000 euros da Deputación fronte aos 77.000 que...