viernes. 26.04.2024
As renovadas piscinas de Vilardevós agardan por socorristas.
As renovadas piscinas de Vilardevós agardan por socorristas.

Os veciños de Vilardevós aínda non saben cando lles van abrir as reformadas piscinas municipais. O motivo, a falta de socorristas que queiran traballar este verán no concello. "Xa buscamos e ata preguntamos na oficina de emprego, pero non atopamos nada", lamenta o alcalde, Manuel Cardoso. 

O problema coa falta de socorristas non é unha novidade este verán e as obras nas piscinas de Vilardevós enfocáronse en solventalo. "Reducimos a profundidade do vaso para que só precisen dun curso de primeiros auxilios para poder traballar", explica. Antes da reforma, a piscina chegaba a 2 metros de fondo, polo que a esixencia dos profesionais era maior. Isto mudou ó reducirse a 1,5 metros, polo que a formación xa é máis accesible.

O Concello segue na procura de dous socorristas e faino de forma intensa, xa que o desexo é poder abrilas o 1 de xullo. Polo momento non se pode confirmar unha data para inaugurar a tempada de verán en Vilardevós e, en canto se contrate a dous socorristas, abriranse as piscinas de xeito inmediato. "Aguantamos e seguimos buscando porque queremos ter as piscinas abertas aínda que sexa só para un mes", sinala o rexedor.

As obras acometidas nas instalacións non só afectaron á piscina. Renovouse o espazo do céspede, no que se plantou un novo, e preparouse unha caseta para dispoñer dun servizo de bar para os bañistas. Para todas estas melloras destináronse máis de 100.000 euros que, polo momento, non se poden desfrutar. "Está todo rematado, só faltan os socorristas", recalca Cardoso. 

Desde o Concello fan un chamamento para calquera persoa que esté interesada no posto. Só se precisa dunha formación en primeiros auxilios para traballar como socorrista nas piscinas de Vilardevós.

As pisicnas de Vilardevós contan  agura cun espazo para atender un bar.
As pisicnas de Vilardevós contan agora cun espazo para atender un bar.

 

NOTICIAS VERÍN | As renovadas piscinas de Vilardevós, sen socorristas para abrir