luns 23/05/22
IMG_5018
Beatriz Comendador, con dous dos seus compañeiros de expedición, no Penedo Gordo. | FOTO: UVigo

Recentemente foi publicado o estudo resultante da investigación que un equipo de especialistas das universidades de Vigo e de Coímbra fixo sobre as pinturas rupestres localizadas no Penedo Gordo, en Vilardevós, aló cara ao ano 2018-2019. Unha das integrantes dese grupo é Beatriz Comendador, arqueóloga do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidades e Territorio, que explica "este proxecto é moi interesante pero nada sinxelo. Levamos varios anos, dende a Universidade de Vigo, traballando na comarca de Monterrei porque existe moita arte rupestre. Tiñamos claro que nesta zona de Galicia, na cunca do Támega e do Douro, na zona transfronteiriza, tiña que haber pintura de tradición esquemática. Basicamente porque no lado portugués apareceu e ao final, a raia é imaxinaria".

Pinturas-rupestres-de-Vilardevós-foto-Universidade-de-Vigo-b   

Parte das pinturas atopadas en Vilardevós. | FOTO: UVigo

Este grupo de profesionais leva traballando na nosa comarca dende o ano 2008, co chamado Proxecto Urdiñeira, que tiña como obxectivo o descubrimento de xacementos arqueolóxicos no territorio entre Riós e A Gudiña. Tiveron que pasar algúns anos máis para que aparecera iso que tanto buscaban, aínda que non da súa man. Foron veciños da comarca quen lles deron aviso. "Un deles avisounos de que había un penedo en Vilardevós que podería interesarnos. Viñemos e inmediatamente eu xa vin a pintura", conta Beatriz. "Con ese achado, conseguimos comezar este proxecto, financiado pola Xunta de Galicia, que consistiu en estudar os indicios que había nesa parede. Completámolo con sondaxes arqueolóxicas para saber se houbera ou non ocupación. O resultado foi positivo en ambos lados do penedo", engade. 

O froito desas analíticas foi altamente revelador. "Foi moi interesante porque nas excavacións descubrimos distintos xacementos. Non é algo frecuente que pegado a un xacemento atopes indicios de ocupación. Tamén no estudo das pinturas constaba claramente que foran feitas en momentos distintos, probablemente consecutivos, pola diferenza de pigmento. Isto non é nada doado de atopar neste territorio que conta cunha gran erosión", conta Beatriz. 

É precisamente iso o que fai deste Penedo, un lugar moi peculiar e delicado, nada recomendable para a súa visita polo que, a arqueóloga, chama á precaución. "O lugar está en pleno monte, con moita vexetación e de difícil acceso. Non aconsellamos ir porque a excavación non está aberta e as pinturas tampouco se ven a simple vista. A xente pensa que vai chegar alí e atopar un 'Picasso', pero para nada. Son restos moi mal conservados", advirte. Non obstante, é consciente do reclamo por parte da poboación de coñecer máis o lugar, polo que, segundo adiantou nesta entrevista a Diario do Támega, proximamente estará dispoñible unha visita virtual con todo tipo de detalles, onde o público poderá observar calcos e fotografías tratadas do lugar. 

A importancia dos achados

A arqueóloga quixo destacar a gran importancia que estes xacementos e pinturas teñen á hora de coñecer a historia antiga dun lugar. "A pintura de tradición esquemática, ata o ano 2017, non se coñecía en Galicia. Nestes últimos anos, logramos identificala en catro sitios: Na Cova dos Mouros, en Baleira; na Pala de Cabras, en Valdeorras e, aquí, na comarca de Monterrei, no xacemento de Lobarzán e no Penedo Gordo. Sen dúbida hai moita riqueza histórica", conta, entusiasmada. 

Outra das particularidades é que no mesmo val de Monterrei se poideron atopar diferentes tipos de base para as pinturas. "As pinturas do Penedo Gordo están feitas sobre cuarcita rocosa, mentres que en Lobarzán, en granito. Empregaron soportes diferentes aínda tendo a mesma tradición", engade Beatriz. 

undefinedBeatriz Comendador, nun dos seus achados no xacemento de Lobarzán. | FOTO: Cedida

Agora, afirma que este soamente foi o primeiro paso e que queda moito camiño por andar. "O seguinte nivel sería facer unha excavación máis ampla, profunda, para saber o carácter exacto destes indicios. De onde saíron eses útiles de pedra, de cerámica... Se houbo ou non actividade metalúrxica... Pero, para iso, precisamos dun gran apoio económico", conclúe. 

NOTICIAS VERÍN | Beatriz Comendador, arqueóloga: "O val de Monterrei é un lugar...
comentarios