
Os concelleiros electos de Interior Galego Vivo e do Partido Socialista asinaron na tarde deste xoves 15 de xuño o acordo de goberno entre as dúas formacións políticas.
Así, Interior Galego Vivo contará con dúas concelleiras, tal e como demandaba para chegar a un pacto de goberno. Tamara Balboa será edila de Festexos, Cultura, Deporte e Asociacionismo con competencias en Protección Civil e José Manuel Álvarez Nieto será o concelleiro do sector primario con competencias no tractor desbrozadora e no mantemento de camiños do Concello. As concelleiras socialistas encargaranse das áreas de economía e facenda, política social e mocidade, persoal e réxime interior e urbanismo e infraestruturas.

Así mesmo, no pacto establécese unha alcaldía rotatoria, comezando o mandato o partido socialista, accedendo á alcaldía Eva María Pérez Gamote, quen a partir de marzo de 2026 cederá o bastón de mando a Tamara Balboa García ata finalizar a lexislatura. A primeira tenencia de alcaldía será ocupada en cada momento polo partido que non ostente a alcaldía.
Entre outros puntos fundamentais para a gobernabilidade, tamén se acordou a representación do Concello na Mancomunidade, GDR e Consello escolar, dividindo as competencias entre ambas formacións.
A candidata á alcaldía polo PSdeG-PSOE, Eva Pérez Gamote, amosouse “satisfeita” tralo pacto de coalición asinado entre ambas formacións e valorou “moi positivamente” os acordos alcanzados para comezar a “construír o presente e o futuro de Vilardevós a partir do sábado 17 de xuño”.