Xoves. 28.03.2024
Eva Pérez Gamote será a primeira alcaldesa de Vilardevós.
Eva Pérez Gamote, candidata PSdeG-PSOE á alcaldía de Vilardevós

O PSdeG-PSOE vén de confirmar que Eva Pérez Gamote será a candidata socialista á alcaldía de Vilardevós nos comicios electorais que se celebrarán o vindeiro 28 de maio. A candidata socialista afronta este reto con “moita ilusión, responsabilidade e capacidade de traballo”, gracias ao seu bagaxe profesional e ao equipo que a acompaña.

A cabeza de lista dos e das socialistas de Vilardevós é natural da Devesa e leva 21 anos traballando no municipio como profesora do programa de educación familiar dos servizos sociais. Ademais é a representante dos traballadores da casa consistorial e tal e como apunta “a pesar de atoparme en excedencia, seguín traballando polos dereitos dos meus compañeiros, chegando a consolidar as nosas prazas no proceso de estabilización levado a cabo polo Goberno central e conseguindo un acordo salarial axustado as nosas categorías profesionais”.

Eva Pérez sinala que ao longo dos últimos 20 anos “traballei arreo coas familias que máis o precisan, impulsando oportunidades para aqueles que nunca o tiveron”. A candidata socialista destaca que “o respecto é unha das palabras que máis me gusta e da que fago uso na miña profesión, algo que tamén trasladarei nesta ocasión a política”. Pon o foco sobre a presencia de 3 candidatas nas listas electorais en Vilardevós o que segundo apunta “pon en evidencia que algo está cambiando e supón un motivo de ledicia e de orgullo, xa que por primeira vez no municipio paterno de Núñez Feijóo haberá unha muller alcaldesa”.

Con respecto a actual situación de Vilardevós, a candidata socialista pon de manifesto que “coñezo os nosos núcleos de poboación e as súas necesidades, ao igual que os problemas de moitos veciños e veciñas”. Neste senso, Pérez Gamote subliña que “despois de 12 anos de goberno do Partido Popular, no que tiveron oportunidade de mudar o noso sino, optaron por non consolidar o municipio, abandonando o rural, as aldeas e especialmente aos veciños e veciñas de Vilardevós”.

O exemplo da desidia e o abandono é a estrada que une varios núcleos de poboación como Florderrei, Soutocobo, Terroso, Arzádegos e Vilarello, e que leva máis dun ano convertida nunha pista de terra, o que supón un auténtico perigo para a mobilidade dos que a diario se desprazan pola mesma”, explica Eva Pérez. 

A candidata socialista márcase como principais obxectivos “a mellora das infraestruturas, a limpeza dos núcleos de poboación, a mellora da calidade das augas, a posta a punta das fosas sépticas e o impulso do patrimonio natural de Vilardevós, con lugares privilexiados como a Cidadella, Hallazgos, os muíños, o camiño de Santiago ou as rutas do contrabando, ademais de apostar de xeito decidido polos soutos de castañas”. Por último, afirma que “este é o noso momento para mudar o presente e o futuro de Vilardevós”.

Eva Pérez, a terceira muller en aspirar á alcaldía de Vilardevós