
Dos 520 veciños de Vilardevós que este venres participaron no cribado masivo organizado polo Sergas no CEIP Rodolfo Núñez da vila saíron, co 70 por cento das PCR analizadas ás 9:30 horas deste sábado 13 de marzo, tres novos casos de coronavirus no municipio, que o coloca con 13 positivos no segundo dos días en nivel máximo de restricións.
O resto de municipios da comarca de Monterrei mantéñense cos mesmos casos do venres. Isto é: Castrelo do Val e Laza con cero, Monterrei e Riós, con un; Verín, con dous casos activos e Oímbra, tres.
A Mezquita pasa de dez a catro nunha semana
O outro concello do distrito sanitario de Verín que permanece pechado perimetralmente e cos bares sen actividade, o da Mezquita, rexistraba este sábado catro casos activos, un menos que o venres, e máis da metade menos do pasado venres 5 de marzo, no que se contabilizou o seu pico: 10 casos activos.