sábado. 20.04.2024
Adriana Álvarez Delgado será a candidata do PPdeOU á alcaldía de Vilardevós.
Adriana Álvarez Delgado será a candidata do PPdeOU á alcaldía de Vilardevós.

Adriana Álvarez será a candidata do PPdeOU en Vilardevós nos vindeiros comicios municipais, despois de que o actual alcalde, Manuel Cardoso, decidise non aspirar á reelección logo de tres mandatos de maioría absoluta. O presidente provincial, Manuel Baltar, reuniuse coa futura cabeza de lista para avanzar os detalles dunha candidatura coa que, explica Manuel Baltar, "o PPdeOU garante seguir o camiño de progreso trazado por Manuel Cardoso, e que a partir do 28 de maio liderará unha muller completamente preparada para asumir os novos retos e seguir construíndo o futuro deste concello". 

   

O presidente provincial recoñece o "excelente traballo desenvolvido nos últimos 12 anos por Manuel Cardoso, sempre coa meta de reforzar o benestar dos veciños de Vilardevós nunha labor referendada con tres maiorías absolutas consecutivas". Este compromiso público, pon en valor Manuel Baltar, "é un espello para todos nós e será, sen dúbida, un proveitoso punto de partida para a futura alcaldesa". 

Manuel Baltar define a Adriana Álvarez como unha muller "moi comprometida coa terra, e que agora dá o salto á política municipal dende a súa aposta polo rural, os servizos públicos de calidade e a dinamización do territorio". A nova candidata, explica o presidente provincial, "é unha garantía para o futuro de Vilardevós".

Pola súa banda, Adriana Álvarez sinala que da este paso para "seguir consolidando os servizos públicos do concello". A futura candidata do PPdeOU en Vilardevós tamén sitúa como obxectivos chave "fomentar os sectores da gandaría e agricultura, ademais de atraer novos emprendedores". 

A cabeza de lista nos comicios do 28 de maio avanza que "traballarei arreo para que os veciños e veciñas do noso concello manteñan e reforcen a súa confianza no PPdeOU. Co exemplo de Manuel Cardoso, esforzareime ao 100% para seguir avanzando e facilitar en todo o que poidamos a vida dos veciños de Vilardevós". 

Adriana Álvarez asume o reto de manter a alcadía de Vilardevós en mans do PP