sábado. 27.04.2024
Pleno deste pasado xoves en Viana do Bolo.
Pleno deste pasado xoves en Viana do Bolo.

O Concello de Viana do Bolo celebrou este xoves o primeiro pleno ordinario deste mandato, no que se aprobaron os festivos locais para o vindeiro ano 2024. Estes serán, como noutras ocasións, o Mércores de Cinsa e o 16 de agosto.

O voceiro do PSdeG-PSOE vianés, Germán García-Ávila, plantexou dúas mocións que foron debatidas neste pleno. A primeira tratou da creación dun centro de día, proposta que xa foi aprobada en pleno no 2021 e da que os socialistas esixen actuacións para dar cobertura a unha poboación cada vez máis envellecida.

O alcalde, Andrés Montesinos, asegurou que están traballando na creación dunha casa do maior, en vez de nun centro de día, xa que este servizo como tal sería gratuíto para o usuarios. "A casa do maior cústalle 0 euros ás persoas usuarias e tamén daría emprego, mentres que o centro de día teríamos que cobrarllo aos nosos maiores", apuntou. Montesinos confirmou no pleno que xa teñen pagado o proxecto para poder levalo a cabo.

 

García-Ávila criticou a decisión de crear unha casa do maior "porque non se parece en nada a un centro de día". O socialista rexeitou a idea porque "carece de persoal especializado" e non ofrece unha atención "integral" cun equipo "multidisciplinar" como si se fai nos centros de día. "Eu o que non quero telo é cerrado", recalcou o rexedor sobre a posibilidade de contar cun centro de día e por iso se inclina pola creación dunha casa do maior de 30 prazas.

Por outra banda, os socialistas presentaron outra moción para a creación dun aparcadoiro público que axude a ordenar o tráfico na vila. Esta proposta foi presentada en pleno en maio do 2022 e non houbo avances. O voceiro do BNG, Secundino Fernández, sinalou que se absterían nesa votación porque a ubicación plantexada, na coñecida como "finca do Jesulín", no é axeitada para os peóns. "Non nos parece o sitio máis acaído para establecer un aparcadoiro porque lle vemos dificultades de acceso, especialmente para os peóns", explicou.

 

O alcalde expuxo as dificultades que están atopando á hora de sacar adiante este proxecto pola implicación de varios propietarios para contar cuns accesos axeitados e tamén apuntou que a propietaria da finca lles dixo "en principio que non" os cedería. Os socialistas, pola súa banda, aseguran que está disposta a facelo. Montesinos, no caso de ser así, quere asegurar que se o Concello arranxa a finca para convertela nun aparcadoiro, "terá que deixárnola uns x anos".

Finalmente, esta moción aprobouse con votos favorables do PP e do PSdeG-PSOE, comprometéndose os socialistas a colaborar co Concello para dispoñer da finca e buscar solucións para contar co mellor acceso posible.

NOTICIAS VIANA | O Concello traballa no proxecto de creación dunha casa do maior