miércoles. 01.05.2024
Casa do Concello de Viana.
Casa do Concello de Viana.

O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo reclamará no pleno deste xoves a construción dun centro de día no municipio ante a “imperiosa” necesidade de ofrecer este servizo aos maiores e ás familias do municipio. Os socialistas critican a “inacción” do Concello nun tema tan sensible como é a atención aos maiores e a conciliación familiar, xa que tal e como apuntan levamos dende xaneiro de 2021 agardando pola construción, logo de que fose aprobada a nosa moción para impulsar esta infraestrutura.

Reiteran que a construción dun centro de día “é unha das nosas prioridades, xa que a atención das persoas que se atopan en situación de “especial vulnerabilidade” é unha das tarefas aos que o consistorio “debe facer fronte”. Os socialistas explican que este servizo é preciso tamén “pola necesidade dunha atención especializada e individualizada e para dar resposta a demanda de familias que urxen o apoio das institucións públicas. Ademais, lembran que gracias á iniciativa socialista, o Bispado de Astorga cedeu terreos para a construción do centro de día, polo que lamentan que o Concello “non movese ficha, aínda tendo xa un terreo para a súa posta en marcha.

Viana perde poboación a pasos axigantados e a que queda envellece paulatinamente, polo que consideramos vital dotar dun centro de día ao municipio

O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila, sinala que entre os obxectivos que perseguen con esta moción están manter e recuperar a autonomía da persoa maior, favorecer a súa permanencia no medio familiar e comunitario, ofrecer atención diúrna e integral personalizada, ou posibilitar que os e as maiores continúen vivindo no seu domicilio. Neste senso, o edil socialista tamén fai fincapé en que co centro de día “poderemos proporcionar ás persoas maiores un apoio técnico e especializado para que poidan desenvolver con maior autonomía as actividades da vida cotiá, e a súa vez, facilitar a conciliación dos familiares.

Dende o PSOE vianés tamén explican que o municipio, segundo os datos do INE, “contaba en 2019 con 2886 habitantes, dos cales 1377 eran maiores de 60 anos, é dicir, un 47,71% da poboación. Os socialistas sinalan que “Viana perde poboación a pasos axigantados e a que queda envellece paulatinamente, polo que consideramos vital dotar dun centro de día ao municipio”.

García-Ávila afirma que a “evolución e o envellecemento da poboación débenos levar a unha seria reflexión acerca dos servizos que o noso concello debe prestarlle á veciñanza, e de maneira moi especial a aqueles que se atopan en situación de vulnerabilidade”.

NOTICIAS VIANA | O PSdeG esixe a construción dun centro de día na localidade